Xa hai unha proposta para integrar 700 palabras galegas no novo vocabulario común da lusofonía

CULTURA

A Academia das Ciências de Lisboa recibiu onte unha proposta para a inclusión de 700 palabras galegas no vocabulario común lusófono que vai ser elaborado segundo o recente Acordo Ortográfico. O documento foi elaborado pola Comissão de Lexicologia da Academia Galega da Língua Portuguesa (AGLP); e foi entregado por unha delegación desta entidade integrada por Isaac Alonso Estraviz, Ângelo Cristóvão, Concha Rousia e António Gil.

No relatorio están lóstrego e brétema , termos que xa foran propostos por representantes galegos hai varios anos. Outros que se xuntan son cóxega , encoro , con , maino ou larpeiro , segundo avanza Martinho Montero Santalha, profesor da Universidade de Vigo e presidente da AGLP. «É só un resumo, o volume de léxico galego depende dos criterios que se utilicen. Hai formas relativamente moi usadas e cuxa lexitimidade é cando menos dubidosa. Non obstante, aquí o importante é que por fin o noso léxico sexa incorporado con normalidade dentro do corpus da lingua común», acrecenta Montero Santalha.

Cristóvão salienta a boa receptividade que tiveron na Academia das Ciências de Lisboa, onde, segundo recolleu onte mesmo a comunicación social portuguesa, mesmo se considera este documento galego como exemplo do que deberían facer outras nacións da Comunidade de Países de Língua Portuguesa, pois só en Portugal e no Brasil teñen propostas firmes para o novo vocabulario conxunto. «A inmensa maioría do léxico galego xa figura nos dicionarios portugueses, agora se trata de incorporar as nosas particularidades», afirma Cristóvão. A proposta foi elaborada por nove especialistas que finalizaron o traballo na semana pasada.