A Sociedade Xeral de Autores e Editores (SGAE) convocou para onte en Santiago ás bandas de gaitas de Galicia para reivindicar o seu labor e explicarlles os seus dereitos. Á cita acudiron o gaiteiro e conselleiro da SGAE, José Ángel Hevia, e o director da entidade no Noroeste, Javier Vidal, ademais de directores ou representantes de 14 bandas de gaitas galegas. Na reunión tiveron presenza as bandas de gaitas da Deputación de Ourense, Xinzo de Limia, Serra de Outes, Provincia de Pontevedra, Carballeira, Verea, Verín, Barbadas, Tremiñado, Zuncurrundullo, Chantada, Manxadoiro, Nova Fronteira de Cartelle e a Asociación de Percusionistas.
«Non debemos subestimar a importancia do arranxo na música tradicional», afirmou José Ángel Hevia. «A eclosión das bandas de gaitas orixinouse a finais dos oitenta; xa nos noventa, aqueles proxectos foron cobrando importancia e creceu o traballo de arranxos e orquestración, case sempre realizado polo director da banda. Este labor, importantísimo e moi elaborado, debe ser valorado», afirmou Hevia. A SGAE percibe con constancia dereitos de autor derivados de pasacalles ou da edición de discos de bandas de gaitas. Ocorre que, a miúdo, os arranxos ou orquestracións do repertorio popular non son de fácil identificación. A SGAE animou os gaiteiros a rexistrar o seu traballo para facilitaren o labor de reparto dos ingresos que por dereito lles pertencen. «Temos un bo número de creadores moi activos nas bandas de gaitas -continuou Hevia-; ademais de salientar as súas composicións orixinais, queremos reivindicar o seu traballo na transmisión e adaptación da nosa música tradicional».
Tras a reunión, a entidade anunciou novos encontros coas bandas de gaitas galegas no futuro próximo.