O diploma do Foral do Burgo de Caldelas, considerado desde o 2005 como o documento orixinal máis antigo escrito en galego é, en palabras do investigador Henrique Monteagudo Romero, «unha copia feita por un notario local, de Allariz ou máis probablemente do propio Burgo, por volta do ano 1250». Non foi emitido, pois, pola chancillería real, o que si lle acontecería ao orixinal en latín, que data de 1228. Trataríase dunha das pezas «máis notables da documentación primitiva en lingua galega», segundo Monteagudo, pero adiántase a súa data, pois pasaría de 1228 a 1250. Así aparece no estudo que acaba de publicarlle a Fundación Barrié de la Maza Letras primeiras. O Foral do Burgo de Caldelas, os primordios da lírica trobadoresca e a emerxencia do galego escrito .
No 2005 Monteagudo atopou o texto foral do Burgo en galego. Explica que un dos seus editores, Andrés Martínez Salazar, aló polo 1911, databa ese documento no 1250. Ese editor sostiña que era a versión romance dun orixinal latino do 1228. A medida que afondou no estudo, a Monteagudo xurdíronlle dúbidas. Cedo achou a versión latina do foral caldelao dado por Alfonso IX en 1228. Isto motivou un cambio na hipótese inicial; é dicir, o autor sinala que o documento do Burgo de Caldelas en galego «non era un orixinal estrito». Ao acabar a pescuda, o investigador manifesta sentirse frustrado por non ter unha conclusión firme para datar esa versión en galego, que debeu producirse no XIII. Esta versión medieval é, di o profesor, «o testemuño máis importante da documentación primitiva en galego e unha das pezas máis interesantes en todos os conceptos». Monteagudo trata de buscar ao autor desa versión. Comproba que os testemuños máis antigos de documentos en galego na Terra de Caldelas son os do notario Pedro Gonçalvez, entre 1257 e 1266. Pero, analizando os textos, o autor non ve conexión co texto do foral. Tampouco cre que o seu autor fose Pedro Pérez, que deixou poucos escritos entre 1273 e 1274 porque o xeito da escrita do foral semella máis antiga que as cartas deses notarios. Fixar unha data exacta para este documento é tarefa comprometida, asegura Monteagudo.