A literatura galega ten un espazo na Rede dentro da Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes

La Voz

CULTURA

14 ene 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O patrimonio literario galego dende a Idade Media ata hoxe, con preto de cen autores nestes momentos, está accesible na Rede no portal www.letrasgalegas.org , creado dentro da Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes en virtude dun convenio subscrito hai dous anos entre esta entidade e o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. Marisol López, directora xeral de Política Lingüística, departamento do que depende o Ramón Piñeiro, presentou a iniciativa subliñando que o portal nace coa vocación de converterse nun referente para recabar información sobre a produción literaria galega desde as primeiras manifestacións da Idade Media ata a actualidade para investigadores, estudosos e público xeral, dunha maneira áxil e pormenorizada. Marisol López fixo fincapé na importancia de accións como esta «para poñer en valor e facer chegar a todos os recantos do mundo a riqueza da lingua, a literatura e a cultura de Galicia».

No acto interviñeron tamén o director do portal das Letras Galegas, Anxo Tarrío, e o director científico da Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes, Darío Villanueva, así como o coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro, Manuel González, e Luis Rodríguez, director de relacións institucionais da Fundación Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes.

A Biblioteca das Letras Galegas permite acceder a seccións sobre autores como o trobador Martín Codax ou Rosalía de Castro, e a servizos como unha fonoteca de textos literarios entre os que figuran cantigas medievais e poemas de Rosalía de Castro.