«Grial» é a revista hispana que máis medrou nas universidades norteamericanas

CULTURA

Nela publícanse traballos sobre a realidade de Galicia, ao tempo que reflexiona sobre diversos aspectos da cultura universal.

10 ene 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

A revista Grial , que edita Galaxia, entrou no top ten das revistas hispanas máis solicitadas polas bibliotecas das universidades de EE.UU. e foi a que máis crecemento tivo durante o pasado ano 2008. Na pasada edición do Liber, celebrada en Barcelona, presentouse un informe sobre a presenza das revistas de cultura de ámbito hispano (en castelán, éuscaro, catalán e galego) nas universidades norteamericanas. O informe, promovido por ARCE (Asociación de Revistas Culturales de España), foi realizado polo profesor Adán Griego, bibliotecario da Universidade de Stanford, e contempla as dificultades que teñen as revistas españolas para estar no mercado das bibliotecas universitarias en Estados Unidos, «un mercado dos máis importantes, porque teñen moito diñeiro», di Víctor F. Freixanes.

Dez primeiras

Grial (Revista Galega de Cultura) aparece entre as dez primeiras cabeceiras con máis presenza nos dous últimos anos. No 2006, Grial estaba presente en 42 bibliotecas norteamericanas (37 en EE.?UU. e o resto en universidades asociadas), mentres que no ano 2008 a presenza aumentou a 46 bibliotecas (40 delas en EE.?UU.). Á par de Grial aparecen ese ano cabeceiras do prestixio de Revista de Occidente (231 bibliotecas), Nuestro Tiempo (30), Guraguao (26), Revista de Libros (25) ou Quorum (21).

A revista Grial apareceu por vez primeira no ano 1951, pero unha suspensión administrativa sumiuna nun silencio de dez anos, ata que reapareceu no 1963. Dende entón, non deixou de publicarse. En Grial publícanse traballos sobre a realidade de Galicia, ao tempo que reflexiona sobre diversos aspectos da cultura universal.