Reimundo Patiño está considerado como o primeiro artista do país que utilizou o cómic nas súas obras
06 ene 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Dende hai uns días está á venda nas librerías de toda Galicia o documental 35 anos de historieta galega , un traballo producido por El Patito Editorial, TVG e TVSiete que analiza a evolución da historieta dende as revulsivas e pioneiras creacións de Reimundo Patiño ata hoxe, cando se está a dar un suposto bum, un momento que moitos dos artistas máis sólidos e consagrados como Miguelanxo Prado consideran un paso dun proceso ao que lle queda moito por facer, porque o mellor «aínda está por chegar».
O documental, de 55 minutos, arranca cos inicios nos anos setenta a través dos recordos de Xosé Díaz, Pepe Barro e Luis Caparrós sobre Reimundo Patiño, o primeiro artista galego que utilizou a linguaxe do cómic nas súas obras. Coñecerano sendo uns mozos e beberon del os ventos da modernidade: «Era radical no sentido intelectual da palabra e ambicioso esteticamente», «un gurú que dende Madrid nos comentaba as novidades artísticas e que en América se estaba a facer un cómic underground».
Eses rapaces foron pioneiros coa creación en 1972 do Grupo Do Castro, «que inventou o de facer exposicións de cómic», segundo Xaquín Marín. Xan López Domínguez, Fran Jaraba e Miguelanxo Prado falan despois da fundación da revista Xofre en 1979, cando estudan Historia en Compostela.
Da época underground dos oitenta e das revistas Coordenadas e Valiundiez falan Víctor Ferreira, Fausto Isorna, Manuel Lourenzo, Víctor Aparicio, Pedro Sardiña e Arturo Regueira. Sobre outra publicación desa década, Can sen Dono , falan os seus creadores, Pepe Carreiro e Gogue, e da que foi a ponte cara aos noventa, Frente Comixario , coméntana Miguel Carballo, Xico Paradelo, Miguel Robledo e Moxón. O primeira parte do percorrido remata con Benito Losada falando das Xornadas de Ourense.
O salón Viñetas desde o Atlántico abre a segunda parte coa valoración dos seus responsables, Carlos Portela e Miguelanxo Prado.