A Feira finaliza superando as previsións de asistencia de público

Camilo Franco

PONTEVEDRA CIUDAD

08 dic 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Os primeiros datos de asistencia de Culturgal sinalan unha ampla superación das previsións desta segunda edición da Feira das Industrias Culturais de Galicia ao superar os 35.000 asistentes durante os catro días de celebración deste evento. As previsións iniciais, 20.000 visitas, para esta feira pretendían dobrar as cifras conseguidas na primeira edición celebrada o ano pasado en Pontevedra. Os resultados conseguidos foron valorados moi positivamente pola organización do Culturgal, pendente do reconto final da asistencia e da valoración dos datos económicos. En xeral, os responsables dos postos consultados sinalaron que foi unha feira con boas ventas e con moito movemento de xente.

O desglose por día sinala un incremento notable entre uns días e outros. Segundo as cifras, o primeiro día de celebración da feira, o xoves, pasaron polo interior do Palexco un total de 4.000 visitantes. Ó día seguinte, o número ampliouse ata os 8.000. Pero sen dúbida foi o sábado o mellor día da feira, xa que segundo os primeiros datos da organización pasaron por Palexo un total de 12.000 visitantes. As cifras do domingo sitúan nas 11.000 o número de persoas que circularon por esta cita cultural galega. Neste caso, a cifra final pode verse incrementada cos visitantes das últimas horas e cos asistentes á presentación do último espectáculo do Xabarín Club , que foi presentado como unha das últimas actividades programadas nesta segunda edición do Culturgal.