«Os mortos van á présa» estrearase cun mínimo de 140 copias para toda España

Camilo Franco

CULTURA

29 nov 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A película Os mortos van á présa está a punto de iniciar a súa segunda viaxe. A primeira delas foi concluír a rodaxe e finalizar a película. Esta segunda comezará o vindeiro 17 de xaneiro case no mesmo lugar no que se iniciou a longametraxe de Ángel de la Cruz.

Ese día estrearase en Ribadeo unha das películas con máis intrahistoria das filmadas en Galicia. Estrearase, ademais, nunhas condicións que segundo o seu director son óptimas e «as mellores que se poden pedir hoxe para unha película galega».

Distribuída por Buenavista, filial de Disney, esta comedia dunha camioneira atrapada cando ven buscar marisco a Galicia pero se encontra co pasado e as manías dun pobo, terá para a súa estrea española 130 copias como mínimo. Esta cifra, segundo De la Cruz «podería ampliarse en función da presenza pública que teña a película dende agora ata a súa estrea».

Outra cifra aínda non concretada promete converterse en referente para o cine feito en Galicia: o número de copias con que se estreará nas salas galegas. O director sinala que o número «definitivo está por decidir pero será maior do que tivo nunca ningunha película en Galicia, incluída Titanic». A metade do total, segundo matizou o director, serán copias en galego.

Ángel de la Cruz apuntou tamén que estaba moi adiantada a estrea francesa da película, con distribuidora para ese país e había contactos bastante firmes para Alemaña e Italia.

Fernando Salgado, secretario xeral de Comunicación, asegurou na presentación da estrea da película que esta produción «vaise converter nun referente para o audiovisual galego». Asegurou que a película superara «moitas dificultades trala suspensión da rodaxe» en parte grazas á inclusión deste proxecto no fondo Sempre Cinema participado pola propia Xunta de Galicia e máis Caixa Galicia. De la Cruz salientou que a maneira de financiar o cine «a través de fondos é a máis positiva das existentes».