«A mirada do personaxe é absolutamente autobiográfica»

A.?L.

CULTURA

12 nov 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Conseguir este galardón é para Carlos González Reigosa dobre motivo de satisfacción. Primeiro, «porque é un premio no que creo, porque o concede unha institución moi respectable, e porque unha das partes máis bonitas do fallo é que fora por unanimidade». En segundo lugar, que sexa o premio Torrente Ballester ten moitas connotación persoais, xa que González Reigosa considérase «cómplice e aprendiz» do escritor ferrolán.

-¿Algunha vez pensou en gañar este premio?

-Eu creo que un ten que ser prudente na vida e debe confesar que o desexaba gañar, pero que é un desexo controlado. De non gañar, eu non sería hoxe un tipo deprimido. Hoxe non me levantei nervioso, non me lembraba se era hoxe ou mañá a elección, eu penso que é unha estratexia psicolóxica. Eu non me presento a moitos premios, porque non creo neles. Eu teño a inmensa sorte de que teño editoriais que publican os meus libros en galego e castelán, e os premios non me son vitais, pero me causan satisfacción, son reconfortantes e estimulantes.

-¿O personaxe de «A vida do outro» está baseado na súa propia experiencia como xornalista?

-A mirada do personaxe é absolutamente autobiográfica, é dicir, como ve o xornalismo e a realidade social, pero esa personaxe e eu non temos nada que ver. El odia a literatura e non lle gusta escribir, está separado catro veces, deulle un infarto... Non creo que teña unha vida igual a ninguén, porque fun mesturando experiencias dos corenta anos que levo como xornalista e dos trinta en cargos directivos. Aínda que teño que dicir que non son experiencias miñas, senón de todos os que estabamos alí.

-¿Por que elixiu ese título para o libro?

-Porque define exactamente o que é a vida do xornalista, que se pasa a vida contando a vida dos outros. Esa vida do outro é a gran pregunta que se fai o personaxe. De feito, cando está descansando despois dun episodio coronario comeza a replantearse a súa vida e a ve cun aspecto sospeitoso, como se levara a vida doutros e estivese interpretando un papel. Realmente pensa que foi seguindo unha luz que o enfeitizaba -todos os cambios da transición-, pero non sabe se é iso o que quería.

-¿E finalmente consegue ter un final feliz?

-Si. A obra comeza cando el ten 56 anos, despois do infarto, e acaba dous anos despois, cando remata o libro e realmente descobre que é feliz, porque se desfixo do outro e comeza a vivir a súa propia vida.