Falece Camilo Gonsar, o gran renovador da novela en Galicia

Ángel Varela

CULTURA

O autor de «Cara a Times Square» foi un dos responsables do cambio estilístico da narrativa nos anos 60

10 nov 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Cambiou o seu nome real de Camilo González Suárez-Llanos polo pseudónimo de Gonsar porque os apelidos auténticos «rara vez se escribían ben, máis ben sempre mal», e entón pensou que «era mellor simplificalos». Como Gonsar entrou na historia da literatura galega o escritor e académico, natural de Sarria, que onte faleceu en Vigo aos 77 anos tras unha longa enfermidade.

Membro dunha xeración, a Nova Narrativa, que renovou estilística e tematicamente a literatura do país a partir dos anos sesenta, Gonsar logrou os seus maiores recoñecementos con Cara a Times Square (1980), unha obra que Víctor Freixanes invitaba onte a «volver a ler» como forma de introducirse nunha traxectoria da que o director de Galaxia sinalaba que estaba «moi influída pola narrativa europea do seu tempo», o que o levou ao autor a «romper coa tradición anterior» da literatura do país xunto a outros nomes como Méndez Ferrín ou María Xosé Queizán. Outro académico, Salvador García-Bodaño, cualificaba onte a Gonsar como «amigo e magnífico escritor, un dos mellores da posguerra». Argumentaba tamén que as estadías de Gonsar no estranxeiro notábanse na súa obra «porque tiña a perspectiva que dá vivir en cidades como Londres».