A Secretaría Xeral de Política Lingüística foi a única institución pública relacionada directamente coa lingua que se pronunciou sobre a presentación esta semana en Santiago da Academia Galega da Língua Portuguesa. Marisol López, máxima responsable do organismo, explicou que a única academia á que «apoia e respecta é a Real Academia Galega, que é realmente a nosa institución oficial de defensa e promoción da lingua galega».
Entre as reivindicacións que expresou Martiño Montero Santalha, presidente dunha nova academia que conta con 29 membros, está a de que o nome da lingua do país sexa o de «portugués de Galiza» en lugar de galego. Montero, catedrático da Universidade de Vigo, tamén sinalou entre os obxectivos deste novo organismo promover «a unidade lingüística galego-portuguesa». «O mesmo galego que algúns defenden como unha lingua independente segue a ser hoxe portugués. Porque aínda que, poñamos por caso, se escriba galiña con ñ en lugar de con nh, é a mesma palabra co mesmo significado». Pola súa parte, a secretaria xeral de política lingüística sinalou onte sobre este tipo de peticións da nova academia que «dende 1983 Galicia ten unha normativa oficial, que tras os cambios que se fixeron no 2003 se comezou a denominar como normativa da concordia, o que significa que foi unha normativa á que se chegou tras un acordo con todos os estamentos implicados na lingua».
A Xunta estivo representada no acto de presentación da Academia Galega da Língua Portuguesa que se celebrou o pasado luns en Santiago por Xoán Pérez-Lema, secretario xeral de Relacións Institucionais da Xunta ?-presenza sobre a que Marisol López non quixo opinar-, que explicou sobre os obxectivos da nova entidade de achegar o galego ao ámbito da lusofonía que «o nacionalismo galego sempre considerou que o espazo de Galiza está dentro da lusofonía». Este representante institucional tamén indicou durante o acto que Galicia pode ser «o pequeno país europeo con máis posibilidades de relacionamento internacional e comunicación», posto que na lusofonía conviven 230 millóns de personas en estados como Brasil, Portugal, Angola, Mozambique, Timor, Macau e Goa.
Ao acto da nova academia celebrado no Centro Galego de Arte Contemporánea de Compostela tamén acudiron en representación do BNG Carlos Aymerich e Camilo Nogueira, e representantes de entidades como o Instituto Camões, as universidades brasileiras de São Paulo e McKenzie, a Associaçom Galega da Língua, o Movimento Defensa da Língua e a Associação da Amizade Galiza-Portugal.