Punto cero da polémica

Camilo Franco

CULTURA

21 sep 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Nunha hipotética enquisa de urxencia entre lectores de prensa, unha das persoas que resultaría máis coñecidas neste momento en relación coa cultura galega sería George Steiner.

?Disciplina inglesa. Se as polémicas fosen tal como terminan, esta da ignorancia de Steiner remataría mal. Porque o pensador decidiu dunha maneira bastante británica corrixir as formas pero non o fondo da cuestión. A táctica de Steiner nas desculpas é meridiana e coñecida: pide perdón, remítese a un libro del para demostrar unha vez máis o que ignoramos e logo volve ao ataque para recordarnos que, polo si e polo non, estamos poñendo en perigo a unidade de España. O que Steiner debería facer agora é escribir un libro sobre a capacidade das linguas para destruír estados, para arruinar nacións. Escribir un libro reflexivo, tranquilo, cultísimo e anglosaxón sobre como o galego causou a crise das subprime .

?O xornalismo ten mala prensa. A outra cuestión desta bronca ten que ver con que case todo o mundo se percatou de que o xornalista si importa. Todo o mundo explica que o papel do entrevistador de Steiner foi chave no asunto e todo o mundo lembra que ninguén é inocente, e os periodistas, tampouco. En xeral, a xente só lembra aos periodistas cando os precisa ou cando chegou a hora de botarlle as culpas a alguén. No segundo caso todo o mundo asegura que o papel dos periodistas é fundamental, que non sabemos o que nos traemos entre mans, que andamos escasos de formación e sobrados de mala baba. Cando pasa o follón, os periodistas volvemos ao limbo dos mensaxeiros, á rutina do mileurismo e a esperar con paciencia, como Santa Bárbara, a que outra treboada lembre con ira sinaladora o importantes que somos.

Costumes familiares. Á miña familia só a insulto eu. Costume moi galego. Aquí hai moitos Steiners de voz baixa que practican o mesmo desprezo ao abeiro de ser tan galego coma calquera.

Somos compulsivos. Estas últimas semanas escoito a algunha xente falar tanto dos males que pode producir falar galego que me dan ganas de fumalo.