Pablo Devigo convértese no gaiteiro máis premiado do ano

Ángel Varela

CULTURA

Este intérprete de 18 anos obtivo o primeiro posto en cinco certames de gaita no que vai de 2008

06 ago 2008 . Actualizado a las 02:09 h.

Pablo Devigo podería converterse nun dos grandes gaiteiros galegos do século XXI. Con 18 anos, este intérprete acadou no que vai de ano o primeiro posto en cinco concursos de gaita. O último recoñecemento chegoulle no festival celta de Lorient, que se celebra estes días, onde acadou o trofeo McCrimmon, un dos galardóns máis famosos dentro do mundo das cornamusas e no que tivo que dobregar a outros músicos chegados de Asturias, Bretaña e Galicia. O McCrimmon (antes coñecido como trofeo Macallan) ten dúas modalidades: a denominada gaita escocesa e a que simplemente se chama gaita, e aí compiten os participantes galegos, asturianos e bretóns. É a primeira vez que Galicia repite vitoria dous anos consecutivos en Lorient, despois de que Edelmiro Fernández gañase no 2007.

Devigo preparouse concienzudamente para este concurso, no que sorprendeu ao xurado cunha interpretación na que utilizou tanto a gaita galega como a asturiana. «Estudei a maneira de tocar a gaita asturiana só para o McCrimmon», explica un intérprete que tivo que superar a proba de tocar 21 minutos ante un xurado tres pezas procedentes das tradicións sonoras de Galicia, Asturias e Bretaña.

Con esta vitoria, Devigo convértese no gaiteiro máis laureado do ano, tras gañar os certames de Bandeira, A Estrada, o Manuel Villanueva de Poio e o ferrolán Constantino Bellón na modalidade de composición. Nos andeis da súa casa tamén garda outros galardóns conseguidos no 2007, entre os que destacan o Avelino Cachafeiro, que distingue ao mellor gaiteiro de Galicia.