Nace a Irmandade Xurídica Galega para defender a lingua na Xustiza

Jesús Manuel García

OURENSE CIUDAD

Maxistrados, xuíces, fiscais, avogados e funcionarios comprometéronse en Celanova a usar o idioma cada día

22 jun 2008 . Actualizado a las 02:22 h.

No mosteiro de Celanova, que foi unha das fontes de documentación xurídica de Galicia, constituíuse onte a Irmandade Xurídica Galega, presentada pola Asociación de Funcionarios. O obxectivo é darlle pulo ao compromiso de empregar o galego en todos os eidos da Administración da Xustiza. Pasado o medio día, desfilaban polo claustro barroco os togados, que entraron no salón cun fondo de música barroca a cargo dunha orquestra de cámara do Conservatorio de Ourense. O presidente da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia, Xoaquín Monteagudo, sinalou que a lingua galega tense que poñer de relevo «como elemento vertebrador e estruturante do país e as consecuencias que se derivan da declaración de oficialidade».

Engadiu que a Administración do Estado ten que adoptar as medidas para que o seu persoal en Galicia «posúa un coñecemento das linguas oficiais suficiente e axeitado ás tarefas propias do seu posto de traballo». Monteagudo engadiu que para obter unha Xustiza democrática hai que incorporar a lingua galega nos tribunais. «¡Queda moito por facer! Pero sentímonos especialmente satisfeitos coa extensión e intensificación do uso da nosa lingua neste eido», dixo.

O fiscal superior de Galicia, Carlos Varela, presidiu a sinatura do compromiso de fomentar o uso oral e escrito do galego no día a día de maxistrados, xuíces, fiscais, avogados e funcionarios da Xustiza. En total asinaron o compromiso da galeguidade 22 profesionais. Varela pediu o emprego do galego en toda a administración de Xustiza, nas facultades de dereito, nas escolas de práctica xurídica galegas, nos sindicatos e forzas de seguridade, e nos concellos e deputacións cando teñen que facer demandas no xulgado, pois ata agora fano en castelán.

No acto homenaxeouse a Sebastián Martínez-Risco co libro Sebastián Martínez-Risco. Mestre de xuristas e o volume Refráns da Xustiza , de Ferro Ruibal. Dúas fillas do homenaxeado, Remedios e Victoria, recibiron un exemplar dedicado. «Estamos agradecidas por esta homenaxe ao noso pai, esquecido por moitos e pola Academia Galega», sinalou Remedios.