Para ler e para escribir, os cidadáns prefiren o castelán, pois «a transmisión familiar está en retroceso»
21 jun 2008 . Actualizado a las 02:00 h.O galego é a lingua inicial e usual maioritaria no país, e existen máis galegofalantes habituais que noutros idiomas. Así o conclúe o primeiro relatorio do Observatorio da Lingua Galega, que depende da Secretaría Xeral de Política Lingüística e que funciona desde o ano pasado. A súa información é resultado de investigar 7.408 persoas de 15 ou máis anos residentes no país o ano pasado: 2.500 cidadáns, e o resto, profesionais das administracións públicas, educación, economía e empresa, sanidade e tecido asociativo. Tamén indagou nas telecomunicacións e nos medios de comunicacións e celebrou 22 paneis de escoita aos que asistiron 132 persoas para expor directamente a súa experiencia.
A secretaria xeral Marisol López expuxo onte os resultados, que evidencian como a alfabetización aínda é mellor en castelán, pois é o idioma con maior competencia na escrita e para ler, e tamén no que din que entende algo mellor a cidadanía, aínda que «na xuventude se aprecia unha notable mellora no dominio do galego». Outras conclusións son que «nas xeracións máis novas descende o uso do galego como lingua inicial e habitual», que «a transmisión familiar do galego está en retroceso» ou que as opinións e actitudes lingüísticas da poboación son «moi favorables para o galego».
Marisol López anunciou que este estudo terá continuidade, e de inmediato se van organizar encontros con representantes de notarías, xestorías e escritorios de avogados para ver as súas necesidades e tentar que faciliten máis documentos dos seus ámbitos no idioma do país.
O mesmo se fará para promocionar maiores usos en Internet, nas páxinas de empresas e organizacións.
A secretaria xeral indicou como obxectivo central da súa actuación o de gañar máis e maiores usos para a lingua.