Miguel Anxo Fernández entrega o terceiro caso de Frank Soutelo

Camilo Franco

CULTURA

19 jun 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Miguel Anxo Fernández só abandona o cine para fabular as historias dun personaxe que podería ser cinematográfico. Frank Soutelo, un detective fillo de galegos afincando en Los Ángeles, xa ten terceira aventura.

A terceira entrega deste personaxe, Tres balas e dous friames, foi presentada onte en Santiago polo crítico de cine deste xornal, e por Paula García Márquez, da Editorial Galaxia. O escritor carballiñés reivindicou «unha literatura de xénero» como medio para revitalizar a relación entre escritores e lectores.

Fernández asegurou que a súa novela era policial pero «hai que entendela desde a clave paródica, quere moverse nese espazo que non deixa de ser xénero pero que xoga coa comedia».

Miguel Anxo Fernández sinalou como anécdota que «Soutelo debe ser o detective máis prolífico da literatura galega» e apuntou algunhas das características desta novela. A historia garda relación co cine e o protagonista recupera a algúns dos seus antigos socios, que forman unha fauna particular arredor do protagonista.

Fernández considera, ademais, que a literatura policial ten un público fiel en parte polo que ten de popular. O escritor lembrou os tempos en que os albaneis «paraban para xantar, levaban unha friameira e unha novela de vaqueiros, ese é un tipo de lectura que hai que recuperar», concluíu.

Miguel Anxo Fernández sinalou que con este terceiro título pechábase o que denomina a triloxía americana de Soutelo. Casos que acontecen no país no que reside. Fernández está escribindo xa a cuarta novela e adiantou que «o detective anda agora por Galicia investigando tamén; quizais o seu tempo americano xa rematou».