Presentan o PGAE como a segunda profesionalización do teatro galego

Camilo Franco

CULTURA

Cultura di que é «un plan do Goberno no que participan seis consellerías e Vicepresidencia»

21 may 2008 . Actualizado a las 02:03 h.

Numerosas definicións asomaron na presentación do Plan Galego das Artes Escénicas: desde ferramenta para unha nova relación entre a Administración e o sector ata documento de compromisos e folla de ruta para un novo camiño conxunto e solidario. Todo iso para un «plan do Goberno» que quere impulsar a segunda profesionalización do teatro galego.

O xerente do Igaem, Miguel Martín, tracexou as liñas fundamentais dun plan que ten que chegar ata o 2011 e que significará un incremento considerable dos orzamentos no sector, con case 66 millóns de euros para o conxunto do programa. Martín sinalou na súa intervención no Salón Teatro que este plan «respondía a unha demanda histórica no conxunto do Estado» e apuntou o carácter pioneiro que Galicia asumía con el. O xerente sinalou tamén que coa posta en marcha do PGAE quedaba «saldada a débeda que a sociedade tiña co teatro galego».

Martín sinalou a natureza modernizadora deste plan, que nalgúns aspectos xa está operativo, e lembrou o marco da Axencia Galega das Industrias Culturais no que se integrará. Completou a intervención dicindo que non era un plan «da Consellería de Cultura nin do Igaem; é un plan de Goberno no que participan seis consellerías e a Vicepresidencia».

A responsable de Cultura, Ánxela Bugallo, incidiu no carácter participativo do plan e na decisión do seu departamento de «asumir riscos», lembrando algúns deles: «A reforma da rede, a creación do CCG ou a formulación nova para o teatro amador». Bugallo considerou que este plan é «un novo fito para o sector en Galicia trinta anos despois da profesionalización».

Para Celso Parada, presidente do colectivo de compañías, o plan responde «ao cambios dos tempos e á necesidade de que vaian cambiando as estruturas». Vicente Montoto, presidente dos actores, explicou a natureza da comisión de seguimento na que participarán as institucións implicadas no plan e mais os representantes dos colectivos sectoriais. Montoto sinalou a necesidade de atender ao desenvolvemento dun plan tan amplo.