Darío Xohán Cabana, entre o «dixen» e o «non dixen nada»

La Voz

CULTURA

18 may 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A velada reclamación á Consellería de Cultura feita por Darío Xohán Cabana no seu discurso foi inmediatamente respondida pola representante do departamento ao finalizar o acto, xa que Ánxela Bugallo estaba presente nel. A conselleira de Cultura explicou posteriormente que existe un acordo firmado no 2006 entre a consellería, a RAG, o Consello da Cultura Galega e outras entidades, polo que a consellería non se encargaría de convocar os actos con motivo do Día das Letras Galegas, incluído o congreso, senón que se limitaría a colaborar neles e apoialos. Así mesmo, Bugallo transmitiu á familia de Álvarez Blázquez a predisposición positiva de Cultura para colaborar na creación da fundación, así como no congreso.

Desculpas

Membros da Academia tamén desculparon a intervención de Cabana cualificando o incidente de «problema de descoordinación». O secretario da RAG, Manuel González, xustificou o erro do académico e sinalou que Darío Xohán Cabana descoñecía a existencia do acordo previo, ao tempo que manifestaba que «a consellería non ten ningunha responsabilidade neste tema». Polo tanto, o famoso «dixen» co que os académicos gustan de rematar os seus discursos, converteuse, neste caso, nun «non dixen nada».

Xosé Ferreirós, membro de Milladoiro, púxolle banda sonora ao peche do acto ao son do himno galego nun arranque un tanto improvisado e desafinado que distendeu a solemnidade do evento co sorriso dos presentes. Entre eles, boa parte da numerosa «longa e fecunda» familia dos Álvarez, como dixo Cabana, aínda que non estaba o seu fillo Pepe, convalecente dunha operación por unha peritonite que o sorprendeu en Barcelona, nin a súa viúva, María Luisa Cáccamo, que non puido acudir á sesión plenaria, pero si asistiu ao descubrimento dunha placa conmemorativa no domicilio familiar de Xosé María Álvarez Blázquez, na Gran Vía.