Diversas iniciativas para celebrar o Día das Letras Galegas

Daniel Prieto

CULTURA

17 may 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Os lectores de La Voz poderán facerse hoxe cunha antoloxía da obra de Xosé María Álvarez Blázquez ao prezo dun euro, con motivo do Día das Letras Galegas. Un dos fillos do escritor, Xosé María Álvarez Cáccamo, é o autor da introdución e da escolma, que recupera algúns poemas que só foran publicados unha vez, así como obras da súa narrativa claves para unha correcta aproximación á figura do prolífico poeta, narrador, dramaturgo e polígrafo tudense, que foi cronista oficial da cidade de Vigo e se entregou ao estudo da arqueoloxía, a prehistoria, a literatura antiga e a etnografía galegas.

O Cortexo Cívico da Coruña, que cumpre cinco anos, percorre hoxe durante dúas horas as principais rúas e casas emblemáticas da cidade vella baixo o lema 1208-2008: oitocentos anos de Coruña, unha cidade galega. A cidade herculina festexa así o Día das Letras Galegas, enxalzando aqueles fitos que a relacionan con aspectos relevantes da historia de Galicia.

Entre as moitas iniciativas privadas que se suman á celebración das Letras figura a de Gadis, coa impresión de catro millóns e medio de bolsas de plástico que levan impreso un poema de Álvarez Blázquez, e a distribución de 20.000 exemplares da novela Santa Matriuska, de Iria López Teixeiro.

O Cuarteto Caramuxo, gañador do Festival Folk Cancioneiros da Fundación Barrié de la Maza, telonea a Milladoiro a partir das 12.00 horas no auditorio de Palexco, con motivo da efeméride.

A celebración de hoxe cadra con outras boas novas para a cultura galega. Apenas quince días despois da estrea en Internet do primeiro dicionario normativo elaborado por Ir Indo Edicións (www.digalego.com), a editorial viguesa vén de ofrecer unha nova versión que, ademais da incorporación de etimoloxías e equivalencias en lingua portuguesa, castelá e inglesa, inclúe tamén sinónimos, antónimos, variantes, novas traducións e préstamos, ademais doutras diversas seccións que o converten no dicionario máis completo na actualidade na Rede.

A nova ferramenta lingüística incorpora ademais tecnoloxía WAP para poder acceder dende o móbil a través do enlace wap.digalego.com.

Pero non só é posible acceder a un dicionario en liña desde o móbil. O operador galego de telecomunicacións por fibra óptica R acaba de sacar ao mercado catro novos teléfonos móbiles coa posibilidade de ter o menú completamente en galego. En concreto, o operador galego lanzou tres modelos de Nokia, o 2600 Classic, o 3120 Classic o 5610, e un de Sony Ericsson, o w380i. Deste xeito, vese satisfeita a demanda de moitos usuarios, que pedían aparellos móbiles de última xeración coa posibilidade de establecer como idioma predeterminado o galego.

Premio literario

O escritor Paulo Meraio Belasco, do Bierzo, gañou o primeiro premio literario convocado polo Colexio de Psicoloxía de Galicia, polo relato A Caverna. O galardón é compartido con Laura Peña Moscoso, de Compostela, pola poesía Transxénica. O certame, dotado con 500 euros, foi convocado para conmemorar o Día das Letras Galegas.