A Rede Galega de Música ao Vivo programa 576 concertos para o 2008

Ángel Varela

CULTURA

Os cachés dos grupos nas actuacións, promocionadas polo Igaem, non poderán superar os 800 euros

20 feb 2008 . Actualizado a las 02:07 h.

As 47 salas de concertos galegas integradas na Rede Galega de Música ao Vivo ofrecerán case seiscentos concertos durante o 2008. A iniciativa cumpre o seu segundo ano de actividade despois de que durante o 2007 se celebrasen 798 directos, aos que asistiron 37.000 persoas en toda Galicia. Aínda que neste ano non se chegou a ese número, hai tempo para que se sigan programando concertos a través da rede promovida polo Igaem.

A institución pública subvenciona o 85% do caché duns grupos que, como máximo, poden cobrar 800 euros por actuación. O outro 15% ten que ser sufragado polo local en cuestión, que ademais terá que ocuparse de subministrar os elementos técnicos necesarios para o concerto. As bases da convocatoria do Igaem tamén explicitan que artista e sala repartirán o 50% da recadación do espectáculo a partir de que se recupere a achega que faga a sala para sufragar o caché do grupo.

Os concertos da rede chegarán a 35 localidades de todo o país, e abranguerán sons de estilos diferentes, como folk, rock, blues, pop, jazz ou música electrónica. Dos 576 concertos que ata onte foron confirmados, 297 celebraranse en locais da provincia de Pontevedra, 150 nos da Coruña, 71 nos de Lugo e 58 nos de Ourense.

Setenta e cinco galegos

Respecto aos artistas que se apuntaron a esta iniciativa, 75 deles son galegos e oito doutras partes da Península; concretamente, seis son de Madrid, un é de Alacante, e outro, portugués. A Rede de Música foi unha iniciativa que o Igaem puxo en marcha o ano pasado, aínda que no 2008 cambiou os aspectos máis polémicos do seu funcionamento, e que nos seus inicios suscitaron máis críticas por parte dalgúns artistas galegos, como foi a norma de que as bandas ou solistas participantes foran elixidos por unha especie de comité de sabios; este sistema de elección podería dar lugar a que existisen cupos segundo o estilo que practicasen os artistas: é dicir, que o 25% dos elixidos viñeran do folk, o 25% do rock, etcétera. Este ano todos os interesados poden inscribirse nunha lista na que logo as salas fan a súa selección. Iso si, aqueles artistas que non alcancen un mínimo de seis concertos non poderán ser contratados. As bases esixen que os prezos mínimos das entradas sexan de dous (ata 500 euros de caché) e tres euros (máis de 500 euros).