«A autonomía condicionárona os primeiros 24 anos de goberno da forza política máis españolista»

Tucho Calvo

CULTURA

14 ene 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Cos dous volumes dedicados á Galicia autónoma que se entregan esta semana (mañá e o xoves) conclúe A Gran Historia de Galicia. O profesor Justo González Beramendi é o seu autor.

-¿Cales son as principais características da visión que nos dá neste traballo?

-O primeiro volume está dedicado ao tránsito da ditadura á democracia en Galicia. Para entendelo mellor fago unha breve caracterización socioeconómica do país no tardofranquismo e unha descrición da forzas da oposición dende os anos sesenta. A continuación analizo a evolución ou a xénese dos actores políticos e a súa intervención no proceso chamado transición. No segundo volume describo a dinámica política da Galicia autónoma, dende o primeiro Goberno de Albor ata os primeiros pasos do actual bipartito.

-Inmersos na transformación de Galicia pola autonomía, ¿podemos fixar xa unha valoración histórica?

-Non unha senón moitas e moi diferentes, pois neste caso a inmediatez do valorado fai imposible que ninguén se distancie suficientemente das súas propias opcións ideolóxicas. Dende a miña podo dicir que nesa transformación hai luces e sombras. Se o punto de comparación son os últimos anos da ditadura, as melloras foron moitas. Non obstante, aínda queda moito por andar para igualarnos á media europea e, ademais, as peculiaridades da transición deron lugar a unha democracia imperfecta, trufada de clientelismo.

-¿Que hai de singular neste proceso no caso do noso país en relación co resto dos territorios do Estado?

-A chamada transición amosa en Galicia unhas características básicas que son comúns ás do conxunto de España. Mais tamén amosa outros caracteres específicos, produto tanto das peculiaridades socioeconómicas do país como da existencia dun nacionalismo galego que, malia a súa febleza relativa, contaba cunha longa tradición que a represión do franquismo non fose quen de erradicar. Desta combinación de condicionantes esóxenos e endóxenos deriva a singularidade do caso galego. A resistencia dalgunhas forzas políticas foi determinante, non só para conseguir unha verdadeira autonomía política para Galicia, senón tamén para facer posible que todas as comunidades autónomas teñan hoxe un maior grao de autogoberno. Pero a autonomía condicionárona os primeiros 24 anos de goberno da forza política máis españolista e menos autonomista do arco parlamentario, o que non impediu que o sentimento autonomista e galeguista enraizase.