Darío Xohán Cabana reconstrúe a xénese do «Hamlet» de Cunqueiro

CULTURA

A obra representouse por primeira vez en 1959 na Coruña e Lugo e converteuse nun acontecemento cultural

23 dic 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Que un rei e a nobreza falasen en galego sobre un escenario en 1959 no só era un fito, senón que constituía todo un acto de reafirmación do emprego da lingua galega como instrumento de cultura. Que este monarca fose danés engadía o matiz de «universal» á cultura. Así concibe o escritor Darío Xohán Cabana a obra teatral de Álvaro Cunqueiro O incerto señor Don Hamlet , peza á que vén de dedicar o libro Cunqueiro e Don Hamlet en Lugo (San Froilán, 1959) , que acaba de publicar o Concello lugués.

Para Cabana, a representación do Don Hamlet, primeiro no Teatro Colón da Coruña, a finais de agosto daquel ano, e logo nas festas de San Froilán, supuxo un verdadeiro «acontecemento cultural», non exento de dificultades coa censura do réxime, xa que, lonxe do teatro folclorizante no que se permitía o galego, aquela era cultura con maiúscula. En palabras de Cabana, «teatro de coturno, non teatro de zoca».

Os anos da posguerra

A obra ábrese cun interesante recordatorio dos primeiros anos de posguerra de Cunqueiro, para despois centrarse na xénese da obra, a súa estrea na Coruña e, xa máis polo miúdo, na súa representación nas festas de San Froilán. O estudo complétase cun apéndice no que se inclúen entrevistas, fotografías, críticas e cartas da época.

As ideas para Don Hamlet comezaron a bulir na cabeza de Cunqueiro en 1956, pero non sería ata marzo de 1959 que a obra sairía como libro. O propio autor xa adiantara parte do argumento nun artigo publicado en La Voz en 1956. Pouco despois da súa publicación, púxose en contacto con el Antonio Naveyra -un «señorito», lembraría despois Antón Avilés de Taramancos, «de Betanzos, que é pior»- para representar o texto. En principio, la censura se negó, con el argumento de «inmoralidad», para disgusto de Cunqueiro. «Dóeme ter un pé por riba de min». Al parecer, unha chamada de Manuel Fraga desbloqueou o asunto e Don Hamlet puido representarse con gran éxito na Coruña. A Asociación de la Prensa de Lugo promoveu unha intensa campaña a prol da representación no San Froilán, que deixou a Cunqueiro coa ledicia no corpo e unha idea: unha peza cada ano, en galego. «É imprescindible», afirmou.