As obras incorporarán unha nova cuberta ?de lousa para protexer ?da auga as partes altas do frontispicio
19 dic 2007 . Actualizado a las 02:26 h.O Mosteiro de Samos terá nova cara. A Consellería de Cultura e o Ministerio de Fomento formalizaron un convenio de restauración por valor de 500.000 euros para restaurar a fachada e mais o tellado do mosteiro nunha actuación que dará comezo de xeito inmediato.
A ministra de Fomento e o director xeral de Patrimonio Cultural, Felipe Arias, firmaron en Madrid o convenio, o terceiro entre estas dúas institucións, para acometer unhas obras que teñen como finalidade corrixir un defecto histórico da cuberta do edificio e mais evitar a filtración de augas nos muros.
A inversión procede de Fomento, que achegará 369.000 euros procedentes do 1% que toda obra pública xera para inversión de carácter cultural. A consellería financiará outros 124.000 euros, unha adxudicación xa realizada e que, segundo a consellería, permitirá o inicio inmediato da restauración.
Segundo os informes da consellería, as obras permitirán rehabilitar a fachada, para o que é necesario acometer algunhas reformas na cuberta da igrexa. Un dos problemas históricos deste edificio ten que ver con que o tellado tal como quedou resolto na obra vella non preservaba a fachada das humidades.
Nesta rehabilitación se acometerá un cambio da cuberta para que ofreza unha protección máis eficaz do frontispicio, e mais dos campanarios integrados. A obra ubicará unha nova cuberta de lousa. Noutro sentido, as obras nas bases dos muros da igrexa están destinadas a evitar que as humidades do chan suban e deterioren os elementos apoiados nas mesmas. O proxecto acometerá unha drenaxe do entorno máis directo do edificio, que afectará a case todo o seu perímetro.
A rehabilitación directa da fachada seguirá tres fases. A primeira implicará a retirada da sucidade superficial. A segunda limpará os liques adheridos á pedra e na terceira procederase á consolidación de todos os elementos pétreos.