Cuba, Arxentina, Brasil e Uruguai conmemorarán o himno galego

Camilo Franco

CULTURA

O Real Coro Toxos e Froles desenvolverá na Habana un programa especial de actividades para a celebración

04 dic 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Como tantas cousas de Galicia, o himno galego estreouse fóra das súas fronteiras xeográficas hai agora cen anos. Foi o 20 de decembro de 1907 cando, segundo as crónicas oficiais, o himno se interpretou como tal na capital cubana. A enredada historia do himno de Galicia ofrece outras datas, pero estas que hoxe son case festivas son as fixadas para a conmemoración.

A celebración deste centenario terá un marcado carácter exterior para subliñar a relación que ten a letra de Eduardo Pondal e a música de Pascual Veiga coas comunidades galegas fóra do territorio. Por iso, os actos de conmemoración terán o vindeiro día 8 como punto central o Gran Teatro de La Habana e unha gala na que estará o Real Coro Toxos e Froles e na que, entre outros, tamén participará Rosa Cedrón e contará coa presenza do presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, quen animou a celebrar o himno «sen complexos e sacando peito». En 1907 non había medio de comunicar tantas distancias, pero a Televisión de Galicia ofrecerá unha gala especial dedicada ao himno que será emitida en directo e que pretende, entre outras cousas, poñer en relación as actividades programadas para as distintas capitais iberoamericanas nas que hai presenza relevante de comunidades galegas.

Tomando como centro a A Habana, a conmemoración expandida terá outros teatros. En Bos Aires, coa participación de Milladoiro e Xeito Novo, ocuparán o Centro de Galicia-Olivos, coa presenza da delegada de Galicia, María Xosé Porteiro. Tamén en Montevideo haberá representación galega para lembrar o himno de Pondal e Veiga. Será no Centro Galego Carrasco coa actuación da gaiteira Susana Seivane e mais do grupo Los Williams. O seguinte punto de Iberoamérica que celebrará o centenario será San Salvador de Bahia, en Brasil, con Uxía Senlle, Carlos Núñez e Chico César. Barcelona será o último dos puntos nos que esta homenaxe contará con apoio musical. Será a Orquestra Panorama tocando desde o Gran Marina Hotel.

Non todas as conmemoracións terán a mesma carga institucional. Unha das entidades galegas máis implicadas na celebración deste centenario é o Real Coro Toxo e Froles, de Ferrol, unha institución ligada mesmo ao nacemento e conversión do texto e a música nuns signos de identificación de Galicia.

O coro ferrolán desprazarase a Cuba durante parte deste mes para participar nas conmemoracións institucionais e mais para render a súa propia homenaxe a unha figura que consideran clave na existencia do himno, o galeguista ferrolán Xosé Fontenla Leal.

Entre as actividades para a data, está prevista a descuberta dunha placa o vindeiro día 20 de decembro no Teatro García Lorca (que antes foi Centro Galego). No mesmo lugar, pero dous días antes, está previsto un concerto no que participará a agrupación ferrolá xunto con agrupacións cubanas. Tamén se asinará un documento que inicie o expediente de irmanamento entre A Habana Vella e a cidade de Ferrol, tomando como referente a Fontenla Leal.