Felipe Arias afirma que non compran estes bens para protexelos «senón para xestionalos mellor»
CULTURA
A decisión de Cultura de adquirir estes quince monumentos funerarios non responde, segundo o director xeral de Patrimonio, Felipe Arias, «á necesidade de protexelos, porque xa o están. Cómpranse para xestionalos mellor e para poder crear unha rede de interese cultural visitable».
A escolla destes quince dolmens responde a que son os máis relevantes e singulares desta ampla área, se ben Felipe Arias aclarou que non é unha lista pechada, «porque é posible que nun futuro se merquen máis. Pero de momento son estes e non outros». Desbotou enumerar cales son os dolmens ou antas concretos que se propoñer mercar, «porque as negociacións aínda non están abertas e vanse levar a cabo un por un cos propietarios no seu momento, e non queremos entrar nun mercadeo». Confía en chegar aos acordos necesarios, pero non desbota «recorrer á expropiación se fose necesario, se ben esgotaremos antes todas as vías». A previsión de Patrimonio é que a rede estea creado o ano que vén.
O itinerario ou itinerarios que se creen nesta rede megalítica terá, entre outras características, a de que ás visitas a estas cámaras de enterramentos vanse articular con outros elementos do patrimonio «para que non sexa só unha ruta para ver dolmens». Terá en conta o patrimonio etnográfico destas comarcas, «que ten moito, como sucede en moitas zonas periféricas, no traspaís», e outros elementos de interese como pazos, igrexas e mesmo do patrimonio natural e paisaxístico».