Inauguración da Mostra Portuguesa en Santiago
14 nov 2007 . Actualizado a las 02:00 h.A literatura é un espello profundo, pero por veces confuso. A primeira actividade da quinta edición da Mostra Portuguesa foi un intercambio de pareceres sobre como tres das literaturas peninsulares se relacionan entre si e como deitan cada unha delas as imaxes das outras. João de Melo debateu con Ramiro Fonte despois de asegurar que non había mellor forma de celebrar a amizade entre Galicia e Portugal que «a través da cultura». O responsable cultural da ambaixada portuguesa en Madrid asegurou que se nos ámbitos «económico, empresarial ou social cada vez hai máis relacións entre España e Portugal sería absurdo que na cultura non sucedese o mesmo».
Despois das declaracións políticas de proximidade territorial e cultural, chegou a hora da literatura como «coartada para falar de nós mesmos», según o explicou o secretario xeral da Presidencia. Darío Villanueva, moderador da conversa, asegurou que entre as condicións que unían aos dous escritores non era menor a idea de que como agregado cultural Melo e como director do Cervantes en Lisboa Fonte, terían unha perspectiva non exclusivamente literaria. Ramiro Fonte asegurou para marcar inicio que os países «e as literaturas coñécense desde dentro» e que as súas perspectivas sobre a obra de Pessoa cambiaron desde que reside en Portugal e que, xusto desde alí, encontrar a relación deste poeta con Antonio Machado. No mesmo sentido sinalou que «para os escritores galegos resulta moi interesante ler a Camilo Castelo Branco». Do mesmo xeito asegurou que a pesar da admiración polo sur norteamericano «a 30 quilómetros de Vigo está o territorio literario máis profundo de Europa: o Miño».
Fonte repasou con rapidez algunhas das relacións literarias galego portuguesas sinalando as influencias que tivo en Otero Pedrayo unha parte da novela portuguesa, e sinalou que «Portugal é un caso único no mundo porque seguramente é a mellor literatura do mundo se o comparamos co seu tamaño como pais». João de Melo asegurou que o debate literario «está máis aberto que nunca e, sen embargo, a pesar dos intercambios cada vez máis frecuentes eses intercambios non teñen nada que vez coa literatura». Melo falou de que «os éxitos literarios comúns a España e Portugal teñen máis que ver con xente que nin sequera son escritores». O escritor sinalou que os escritores literarios portuguesas son case descoñecidos fóra de Portugal.
Sinalou o novelista que esta circunstancia se debía ao sistema editorial portugués, máis feble que o español, e a última moda en Portugal na que «todo o mundo quere escribir unha novela, sexa pintor, músico ou arquitecto». Para Joao de Melo a grande inxustiza desta circunstancia é que «os clásicos contemporáneos son os grandes descoñecidos, non conseguen atravesar a fronteira». João de Melo aproveitou para dar a coñecer a publicación en castelán pola editorial ourensá Linteo da obra Mi mundo no es de este reino.