O teatro galego considera un «erro» o informe do Igaem sobre o sector

Camilo Franco

CULTURA

O organismo público alertou sobre a excesiva dependencia dos cartos públicos que ten a industria escénica

04 nov 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

O teatro galego considera cando menos «inoportuno» o informe sobre a situación económica do teatro galego presentado a pasada semana polo Igaem. As compañías e os actores coinciden en sinalar que «nin o momento, nin as formas» son as axeitadas para presentar un informe que «conduce á confusión aos espectadores». O sector crítica tamén que se presentasen os datos da diagnose dun xeito parcial. A asociación de compañías Escena Galega considera que a presentación do informe na Feira das Artes Escénicas de Galicia foi «un erro por parte do Igaem». Este colectivo dirixirá unha carta ao instituto para pedir que se lle dea a coñecer a totalidade do informe antes de facer unha valoración sobre o mesmo, por máis que considera que «non se pode analizar o teatro como se fose calquera outro tipo de mercadoría». Celso Parada, presidente deste colectivo empresarial, sinalou que para Escena Galega a forma en que foi presentada a diagnose non ten sentido porque «o informe foi presentado parcialmente, sen comunicación previa ás compañías e cunhas cifras sen explicar».

No mesmo sentido se explica Vicente Montoto, presidente do colectivo de actores galegos, que como primeira medida pide ao Igaem que «explique pormenorizadamente as cifras do informe e que detalle as cantidades». Tamén sinala que a inconveniencia de dar a coñecer informes económicos sen contextualización pode incidir nunha mala imaxe do teatro en Galicia.

O Igaem fixo público o adianto dunha diagnose económica do teatro galego na que se sinalaba a súa excesiva dependencia das institucións públicas e na que, entre outras cousas, se apuntaba que a Rede Galega de Teatros e Auditorios custou durante o ano pasado cerca de catro millóns de euros, mentres que o montante conseguido por venda de entradas rondaba os 200.000 euros. Tamén se apunta o escaso tamaño económico e laboral das compañías galegas e a excesiva atomización que implicaba unha oferta superior á demanda.

As cifras ergueron unha onda de reaccións na mesma feira pedindo que se explique detalladamente en que apartados foron gastados os catro millóns de euros atribuídos á Rede porque, segundo os distintos colectivos, é unha cantidade excesiva só para os cachés das compañías. Mentres Escena Galega realizará unha análise pormenorizada dun informe que considera «imprudente e pouco consciente da realidade teatral galega», algúns profesionais do sector van máis alá. Fernando Dacosta, actor da compañía Sarabela, coincide coa «inoportunidade» do informe e do momento porque, sinala o actor, xusto neste momento «as compañías están facendo esforzos por desenvolver o seu carácter empresarial». Para o actor, a cifra de catro millóns de euros marca o carácter e, asegura, «nesa partida de gastos da rede do Igaem están incluídos gastos xerais e mesmo de mellora de equipamentos que non gardan relación cos cachés nin cos custes das compañías».

Razoa Fernando Dacosta que cando se fala de que a rede subvenciona compañías o que fai o Igaem é «asumir o 50% dos cachés das compañías que actúan nun concello». Segundo o actor, o que «subvenciona o Igaem é a programación dos concellos, que, doutro xeito, non poderían asumila».