«Retranca» reivindica que os galegos se rían de si mesmos

CULTURA

25 oct 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Unha revista «en galego, pensada para galegos e feita principalmente por galegos, e para rirse de si mesmos». Ese é o receitario que aplica Kiko da Silva para o seu último enxeño. Chámase -qué mellor nome que ese- Retranca e dende este mes está xa nos quioscos do país. Auspiciada, dirixida e mesmo financiada polo debuxante pontevedrés, a publicación terá unha tiraxe de 8.000 exemplares e un prezo de venda de 2,20 euros por número. «Había un espazo sen cubrir en Galicia e xa era hora de facelo coa tradición que hai no país», xustifica o director.

A publicación trata así de recuperar un dos sinais galegos, o humor que xa cultivaran os Fernández Flores, Julio Camba o Castelao. Ou os máis contemporáneos Siro e Pepe Carreira. Aínda que Kiko da Silva matiza: «Nin o humor gráfico de agora nin a Galicia actual ten que ver coa que retrataba Castelao».

No seu arrinque, Retranca conta coa participación de case vinte creadores, principalmente ilustradores, pero tamén escritores. Porque o xermolo desta obra é a banda deseñada (o 90% da publicación será cómic), pero non o único.

Entre os autores da publicación socio-político-sarcástica destacan humoristas gráficos ben recoñecidos precisamente pola súa retranca, como Xaquín Marín ou Pinto & Chinto, xunto a outros como Leandro, Miguelanxo Prado, Jacobo Fernández, Andrés Meixide, Leandro, Luís Dávila ou Alberto Guitián. Importados son Mel e Idígoras & Pachi, célebres por El Jueves, cuxa estrutura copia en parte a nova revista. «Levamos anos falando da normalidade, e a normalidade é iso, que xente non galega se poida ler en galego», apunta o seu director. A súa presentación pública será en Pontevedra (Café Moderno da Fundación Caixa Galicia) o vindeiro mércores día 31. A data non é casual: é a noite de Samaín. Porque a mascota da revista é a Santa Compaña e o seu lema «Lerasnos de morto se non nos les de vivo». Arrinca Retranca en clave irónica e case monográfica sobre ese (mal) xeito de entender a arquitectura chamado feísmo, reproducindo na súa portada o conto dos tres porquiños. E no centro, un póster que inaugura as caricaturas de políticos galegos: a conselleira Teresa Táboas.