Por cuarta vez nos seus dezaseis anos de historia o nome de Roberto Salgueiro é o que apareceu na plica do Premio Álvaro Cunqueiro de textos teatrais, outorgado onte no Igaem. Salgueiro recibiu a noticia en vivo e en directo na Feira das artes escénicas e tivo tempo de felicitar tamén ao gañador do premio Manuel Maria de textos dramáticos para cativos, Carlos Losada.
que cae todos os días é o título da obra gañadora e que, segundo Salgueiro, é unha «historia de conflictos do presente en Galicia». Salgueiro trazou o esquema básico dunha peza que, segundo o autor, «aínda ten que recibir un repaso» pero que considera que está escrita desde o presente para falar do presente. A obra ten como motor a relación dun pai e un fillo e desde ela tenta traballar sobre como son «as distintas perspectivas sobre a emigración en Galicia, un país que en dúas xeracións pasou de envíar emigrantes a recibilos». Segundo Roberto Salgueiro «o pai foi emigrante da construcción en Suíza, o fillo tenta traballar na construcción en Pontevedra pero está no para e non acaba de aceptar aos portugueses que veñen a traballar ao sector». Para demostrar que a arte tamén se adiante aos acontecementos, Salgueiro indica que polo medio «hai unha folga e escribín a obra antes de que sucedese o conflicto da construcción pontevedresa». Salgueiro entende que esta é unha obra do presente e mesmo fácil de montar desde o punto de vista da intendencencia.
Que Salgueiro rime con Cunqueiro non ten nada que ver para que o escritor leve gañado catro veces o mesmo premio para textos teatrais. Asegura que para el «é necesario presentarse aos premios» e por máis que bromea coas necesidades de «estar construíndo unha casa» asegura que «en Galicia é difícil estrear obras para un dramaturgo que non ten compañía propia».
Cre que este é un argumento determinante da circunstancia dos autores de teatro galego e négase «a ter que crear unha compañía para poder ver os meus textos no escenario». Considera que é difícil «romper cunha dinámica na que as compañías sen escritor non se intersan polos textos de autores galegos».
Asegura que a estatística de obras de autores vivos é engañosa en Galicia porque «a case totalidade dos textos son de autores con grupo» e sinala que «os premios son a saída máis obvia para encontrar visibilidade».