Unha traxectoria de éxito e represión que a converteu na lingua romance máis popular

La Voz

SANTIAGO CIUDAD

21 oct 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

A historia do galego está chea de altos e baixos, de momentos de gloria e esplendor combinados con outros de escuridade que foron configurando unha lingua peculiar cun forte compoñente popular.

O galego, en xustiza o galego-portugués, converteuse moi pronto nunha lingua culta adoptada polas clases dominantes. Así, nos primeiros séculos da súa vida escrita, o galego era o idioma lírico por antonomasia. O castelán era o idioma no que se vehiculaban as accións administrativas, e o galego-portugués, a lingua na que se expresaban os literatos, a que servía para falar do amor ou da soidade. Neses anos que van do século XIII ata o XV, o galego-portugués convértese nunha lingua internacional que sae da Península por medio das súas composicións. «A poesía medieval en galego está á altura das máis importantes de Europa», explica Basilio Losada, quen recorda que, cando lle comunicaron ao rei Alfonso VI a morte do seu fillo, expresouse en galego, como recollen os cronistas. O propio Alfonso X distinguiu entre o castelán, no que escribiu a súa obra administrativa, e o galego, que utilizou para as súas cantigas, unha referencia na literatura medieval da Península.

O galego estaba entón preto da súa decadencia, que chegaría cos Reis Católicos e o cambio político esencial que afectaría gravemente a Galicia e tamén a súa lingua. O desembarco dunha nova administración con notarios e funcionarios que escribían en castelán relegou o uso da lingua ao pobo e o galego deixou de existir como idioma escrito: «Hai que ter en conta tamén -explica Henrique Monteagudo, profesor da USC e secretario do Consello da Cultura Galega- que a Igrexa tiña practicamente o monopolio da alta cultura e Galicia, entre o século XV e o XIX, non tivo practicamente ningún bispo galego».

Adeus, portugués

É neses séculos cando o galego evoluciona dun xeito distinto ao portugués, unha lingua que si ten Estado e administración propia. «O fenómeno da imprenta fixo que os idiomas europeos se latinizasen moito porque os primeiros textos imprentados eran en latín e, daquela, todos os intelectuais eran bilingües. Ocorreulle tamén ao portugués, pero moito menos ao galego».

A liña quebrada da vida do idioma queda pois sepultada no pobo durante séculos ata a chegada do que Basilio Losada considera como un milagre: «Rosalía devolve a voz ao pobo chea de nobreza e por escrito. Se Deus mirou algunha vez para Galicia foi no século XIX, o día que nos regalou ese prodixio de Rosalía de Castro». Monteagudo tamén eleva a traxectoria do galego ata o máis alto no ano 1880: «Edítase tamén Aires da miña terra, de Curros Enríquez, pero, sobre todo, é o ano no que Rosalía publica Follas novas».

O Rexurdimento, un fenómeno que se daría paralelamente en Cataluña, devólvelle ao galego a súa dimensión literaria, que se vería freada dramaticamente outra vez por un acontecemento político: o franquismo. A xente e a fala volveron a salvagardar o tesouro ata a súa recuperación definitiva coa Autonomía e o seu recoñecemento como lingua oficial.