Un acento propio que transformou o latín facendo da «luna» romana unha lúa galega

La Voz

CULTURA

21 oct 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Antón Santamarina, ata hai pouco director do Instituto da Lingua Galega (ILG), tamén está pola tese dos mil anos do galego, aínda que subliña o difícil de datar o momento no que o latín se converteu en galego. O profesor explica que a propia forma de falar dunha comunidade articulada por redes sociais que a adoptan determinou a evolución das linguas romances, tamén do galego: «O idioma cristalizou por unha serie de redes urbanas e polo influxo eclesiástico en áreas determinadas moitas veces pola propia distribución administrativa da Igrexa».

O que é non ten dúbida é que o galego naceu no noroeste da Península, e expandiuse polo que hoxe é Portugal por medio da colonización que acompañou á Reconquista: «Ese proceso é o que altera a dinámica lingüística na Península. Todas as linguas romances nacen no norte e expándense por medio do repoboamento a medida que avanza o proceso de Reconquista. Os galegos repoboaron a parte máis occidental, e a súa lingua foi con eles».

Nomes e topónimos

Está claro que a propia forma de falar, de interpretar o latín e darlle un acento singular, tivo que ver coa evolución cara o galego. ¿É o mesmo acento que hoxe caracteriza a forma de falar o castelán dos habitantes de Galicia? «Non se poden lanzar hipóteses tan aventuradas -responde Santamarina-. Cando se aprende unha segunda lingua introdúcense hábitos articulatorios da propia, pero non temos datos para comparar, porque non sabemos case nada das linguas que se falaban en Galicia antes do latín. Díxose que a gheada é un rastro da fala anterior. É probable. Ou que a sonorización da p intervocálica (cabra en vez de capra) tiña que ver co substrato lingüístico previo, pero apenas nos quedaron algúns topónimos como Barallobre, nomes propios (carqueixa, queiruga) e pouco máis».

Outro trazo característico daquel galego primitivo que chegou ata hoxe é a perda da l e da n intervocálicas que converteron a luna romana nunha lúa galega, a pala en pa, ou a lana en la. Santamarina rexeita outros trazos, como a falta de ditongación (pedra por piedra), «porque tamén son propios doutras linguas, como o italiano».