En dous anos case 50 libros galegos foron traducidos a outras linguas

La Voz

CULTURA

Cultura anuncia un incremento do 60% das axudas para aumentar a presenza de obras galegas no exterior

04 oct 2007 . Actualizado a las 03:29 h.

Nos últimos anos, un dos axiomas de normalidade para a cultura galega escrita era conseguir a presenza de autores contemporáneos no idioma do país ao tempo que saían en castelán ou portugués. Auster, Baricco ou Paasilinna son firmas de incorporación recente aos andeis en galego.

Case todas as editoras galegas viraron nos últimos anos os seus catálogos cara a literaturas foráneas e, nalgúns casos, con vocación de chegar ás librerías ao mesmo tempo que as edicións en castelán. Nos últimos dous anos, a circulación entre literaturas foráneas e a lingua galega incrementouse e continuará facéndoo no seguinte, segundo as cifras da Consellería de Cultura.

Aproveitando a celebración onte do Día Internacional da Tradución, baixo o título de Non mate á mensaxeira, a consellería anunciou un incremento das axudas á tradución, aumento orientado a traducir obras galegas para que poidan ser publicadas por editoras foráneas. Segundo os datos de Cultura, o incremento para o 2008 rondará o 60%.

Entre o 2006 e o 2007 chegaron ao galego un total de 104 títulos procedentes de diversas literaturas, segundo as cifras que manexa a consellería e o listado de axudas. Nese mesmo tempo, 48 títulos galegos foron traducidos a distintos idiomas. Nese período a consellería destinou 300.000 euros para apoiar estas accións, 100.000 no 2006, e o resto no 2007.

A consellería anunciou onte un incremento do 60% sobre a cifra deste ano en curso, o que situaría en 320.000 as axudas totais á tradución en dous sentidos. Segundo a consellería, este incremento estará destinado a ampliar o número de títulos e tamén a iniciar unha acción de promoción das obras galegas para outros idiomas.

As novas axudas facilitarán a tradución e mais contribuirán á publicación noutros mercados literarios. A tradución, segundo anunciou a consellería recentemente, será unha das ferramentas de difusión da literatura galega no exterior e, amais do incremento de publicacións, a consellería porá en marcha readgalicia.com, unha web con 200 títulos exportables escollidos de maneira porcentual para cada unha das editoras galegas e que incluirá un fragmento traducido ao inglés de cada obra. A tradución de antoloxías será outra das estratexias de apoio ao sector, e na Feira de Frankfurt presentarase esta web orientada á posibilidade de venda dos dereitos de autor e unha antoloxía de poetas galegos en galego e alemán. Tamén serán traducidos numerosos narradores galegos para unha antoloxía para as feiras iberoamericanas do libro.

Para conmemorar a xornada, onte celebrouse en Santiago unha homenaxe a Fernando Pérez-Barreiro Nolla (Ferrol, 1931), correspondente da Real Academia Galega e residente en Londres. Locutor da BBC, xefe de tradución na Organización do Café e profesor de tradución nas universidades inglesas de Westminster e Thames Valley, foi o primeiro galego en traballar nas traducións entre este idioma e o chinés.