Reigosa advirte que a cultura dá as costas ás orixes de Galicia

La Voz

CULTURA

26 sep 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

O xornalista e escritor Carlos Reigosa aproveitou onte a presentación do libro O misterio de Carlos G. Reigosa , un volume de conversacións co tamén xornalista Xosé Manuel del Caño editado por Xerais, para denunciar que «as universidades e estruturas da cultura de Galicia» están «dando as costas á nosa orixe».

Tras confesar que tiña unha oferta para facer unhas memorias, o autor de Homes de Tras da Corda e ex director da axencia Efe dixo sospeitar que este libro era precipitado, confesando que non se deu conta en toda a obra de que había algún misterio. «Pero agora -aclarou de seguido- dinme conta de cal é o misterio. Estou completamente convencido de que o misterio é que eu estaba moito máis cómodo antes, sendo un misterio, que agora, despois de todo o que contei neste libro».

«Crime en Compostela»

Para Reigosa, o misterio que realmente revela o libro «é que a xente que leu Crime en Compostela do autor non sabe nada», posto que o público coñéceo como escritor pero non «como persoa». Nese sentido, segundo o autor, este libro axuda a denudalo, especialmente nunhas orixes que o entroncan coas de Galicia, terra de «lendas, historias e convivencia de uns homes extraordinariamente ricos e sabios, capaces de relacionarse coa natureza e sacarlle todo o que precisan para sobrevivir». Reigosa defendeu esta orixe de Galicia, sobre a que, advertiu, «non se está facendo nada para conservar», polo que, finalmente, «seremos un pobo como calquera outro».

Xosé Manuel del Caño, que conta no seu currículo cun bo número de conversas nacidas «dunha especie de frustracións», apuntou que o libro pretende ser unha porta de entrada á obra de Reigosa. Del Caño desentrañou a interrogante que implicitamente leva o título do libro. Na súa opinión, «o misterio de Carlos Reigosa é, dalgún xeito, que un executivo da prensa siga mantendo o compromiso coa terra, coa lingua galega, que se decida a machacar, diríamos, o seu tempo libro escribindo novelas, coas limitacións que ten a literatura galega, que nunca vai a conseguir unha alta rendibilidade, pero si unha alta satisfacción de estar conforme consigo mesmo». O editor, Manuel Bragado, referiuse ao libro como un volume «piadoso, sen críticas aos demais membros do sistema literario galego, sen ánimo de fixar ortodoxias e sen falsas polémicas».