Os tres fillos de Xosé María Álvarez Blázquez consideran que o Día das Letras Galegas descubrirá a un «home sinxelo, un polígrafo e a un activista da cultura galega»
06 ago 2007 . Actualizado a las 02:00 h.VIGO | Había unha vez un poeta que quería chegar á xente e fundou editoriais e marchou a vender libros polas feiras e poñer autocolantes polos coches para que a xente falase galego non ritual.
Ese poeta foi Xosé María Álvarez Blázquez e protagonizará o Día das Letras Galegas 2008. Segundo tres fillos seus que manteñen vencellos intensos coa literatura e co idioma, os lectores descubrirán a un home humilde, a un poeta adiantado, a un normalizador cultural e, sobre todo, a un «polígrafo» en toda a ampla extensión da palabra.
Xosé María, Alfonso e Celso Álvarez Cáccamo, escritores os tres, advirten que a figura do seu pai ten máis relevancia na historia cultural recente de Galicia que o lugar que ocupa na historiografía. Os tres coinciden en sinalar que «a súa actitude modesta marcou o seu desinterese por figurar». Nese sentido, Celso asegura que non ve «clara a conmemoración se non é para analizar ao meu pai como un intelectual representante dunha época». Engade que «coa súa obra pódese entender mellor a historia cultural de Galiza». Para Celso, o seu pai fixo un «contributo considerábel á cultura xeral dentro das limitazóns da época. Foi divulgador, pedagogo, mestre da segunda república, editor, e activista cultural».
Para Xosé María, un dos primeiros compiladores da obra poética do seu pai, a celebración do 2008 ten que facer nítido un perfil de polígrafo que «agora non se encontra nas novas xeracións porque xa podemos especializarnos en cada cousa». Xosé María considera que esa poligrafía respondía a dous factores: «a súa formación no plan de estudos da república, moi humanista, e a que tiñan a necesidade de cubrir moitos espazos baleiros, unha necesidade que durou ata a xeración de Ferrín».
Alfonso, que asumiu desde hai anos tarefas de biógrafo do seu pai, indica que do Día das Letras Galegas debería saír a imaxe de «un home comprometido coa súa terra, intelectualmente moi prolífico e como un gran poeta». Cree que esta faceta poética será incluso sorpresiva para moitos lectores, coincidindo co seu irmán Xosé María en que a reedición de Canle segredo debería resitualo como poeta adiantado ao seu tempo, mesmo como poeta social.
Para Alfonso, un dos trazos que van quedar máis claros ao longo de 2008 é «a capacidade que tiña para poetizar desde cousas transcendentes ata o cotián». Segundo Alfonso «o meu pai considerouse poeta toda a vida e os seus últimos poemas escribiunos estando na uvi».
Para Xosé María, esa presenza do poético é principal, pero lembra unhas palabras do seu pai a propósito das súas actividades culturais é literarias: «Eu son un home cíclico». Asegura Xosé María que «poida que sacrificara a súa obra de escritor en aras da difusión, pero fíxoo con plena conciencia».