O audiovisual galego supera as 200 curtametraxes nos dous últimos anos

Camilo Franco

CULTURA

02 ago 2007 . Actualizado a las 02:34 h.

REDACCIÓN | O Festival de Cans e o On & Off que se iniciou onte en Ribadeo son dúas estrelas dun panorama curtametraxista que pasa polo Curtoircuíto de Compostela e que demostra a vitalidade de ofrecer máis dun cento de novas películas curtas por ano.

A convocatoria de axudas á produción firmadas pola Consellería de Cultura sinala 66 proxectos que recibirán subvención durante o que resta de 2007, ás que hai que sumar as 21 curtas que xa están «fichadas» nos arquivos da Axencia do Audiovisual como producidas en Galicia durante o presente ano. Segundo os datos da Axencia que dirixe Manolo González «é posible que este ano finalice con máis de cen curtas producidas» seguindo a dinámica do ano 2006.

Durante o ano pasado, e segundo as fichas que ofrece a Axencia na súa web, rodáronse en Galicia 129 curtas dos estilos máis dispares o que, segundo González, revela «o dinamismo creativo dos máis novos e o bo momento audiovisual de Galicia se non miramos só para o mercado».

A maior parte das axudas destes dous anos están destinadas a creadores individuais. Nas concedidas esta mesma semana hai catro tipos. O máis numeroso é o correspondente a proxectos dixitais de creadores individuais, con 43 proxectos admitidos. A segunda categoría en número son as curtas experimentais, con once proxectos aceptados. As seguintes son as curtas de animación con produtora con oito proxectos e o menor en número son as curtas con produtora, con catro proxectos.

Segundo a Axencia o panorama das curtametraxes en Galicia vive un momento como non tivera antes. Un momento que, segundo Manolo González, non depende só das axudas públicas, posto que durante o 2006 só 63 das 129 curtas producidas en Galicia conseguiron cartos públicos.

Segundo o responsable audiovisual de Cultura o xénero está medrando en cantidade e tamén en calidade. González asegura que a «explosión destes dous anos garante que unha nova xeración está entrando no audiovisual galego con outras perspectivas».