redacción | Xabier Baltar é o actual propietario da casa familiar de Castelao en Rianxo. Baltar considera que se a Consellería de Cultura quere convertela en ben de interese cultural (BIC) pode facelo, pero advirte que sería ir en contra da vontade da familia do persoeiro, que «nunca quixo que esa casa fose convertida en museo».
Xabier Baltar considera que o primeiro que hai que atender é a vontade da familia de Castelao e, segundo el, que foi albacea e responsable durante moitos anos dos asuntos desa familia, «nunca quixeron que a casa fose museo ou que se abrise ao público».
O actual propietario da casa de Rianxo sinala que a casa foi incautada polo Goberno franquista no 36. «Foi meu pai quen acudiu á subasta para devolverlla á familia», di. Segundo Baltar, «dona Teresa non quería que a casa fose pública porque ela pasou moito medo tras a a guerra e mesmo despois, e quería evitar agresións».
O actual propietario sinala que cos anos vaise dando conta de que hai que facer algo coa casa, pero cre que «co camiño aberto ata agora polo concello non imos adiantar nada».
Baltar Tojo opina que o necesario sería poñer en marcha unha fundación que se fixese cargo da casa «para que o asunto non quede no persoal e para que se garanta o futuro do edificio». Cultura sinalou que nos últimos meses tentara poñerse en contacto con Xabier Baltar, quen vive en Madrid, para que abrise as portas da casa aos técnicos da consellería, sen que en ningún caso, e na versión da institución, o propietario atendese os requirimentos oficiais. O actual dono da casa admite que si houbo contactos con Cultura, incluso unha entrevista telefónica coa máxima responsable. Baltar Tojo mesmo asegura: «Nunha ocasión chamoume Ánxela Bugallo, pero non puidemos falar moito porque eu ía no coche». Para reforzar o testemuño, Baltar indica que dúas horas despois da charla telefónica sufriu un accidente de tráfico.
Na conversa, segundo o propietario, non deu tempo a falar en detalle. Baltar sinala que foi a Santiago, pero non conseguiu «falar con ela e o asunto quedou así». Segundo o propietario, sempre estivo moi claro que «as irmáns de Castelao querían que a casa estivese sempre dedicada a vivenda, e iso é o que eu quero cumprir da maneira máis exacta posible porque é miña responsabilidade».
Pola súa banda, a consellería considera que na casa danse cita valores diferentes: é unha casa de tipoloxía mariñeira típica de finais do século XIX e ten o valor simbólico de que nela se educou unha das grandes figuras da cultura e da política galega.