29 dic 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Non sufras. Que non rouben a risa. Que o paxaro da felicidade poida aniñar no teu cabelo, dourado de sol, negro de chocolate, vermello, gris, invisible. Por favor, non sufras. Esteas onde esteas, encerrado, triste, túnel, han de acabar as sombras. Acariña 2012 coa punta dos dedos, reza comigo a oración dos días felices. Recorta unha vez máis esta columna e pega, con cola de luz, a súa anatomía no cristal de cada día. Ignora aos que ofenden, elévate sobre a vulgaridade do insulto e do rancor, intenta ser un pouco mellor cada día. Non odies, non envexes. Camiña comigo, quero dicir que repitas a sonata de Rosalía: na fronte unha estrela, no bico un cantar. Canta, bica. ¿Non ves que a primavera nace cada día nos ollos de todos os que te queren? Non estás só, non estás soa; nunca o dixen, encántame a palabra compañía. Abraza a cofradía dos abrazos, eses seres sinceros e xenerosos, ¿acaso pensas que son máis os facinerosos que os xustos, honestos, bondadosos? Non te equivoques, que non te enganen con sofismas os que venden medias verdades: debes saber que na historia da humanidade a tenrura gaña á acritude, a indulxencia á perversidade, a inxenuidade ao falso interés. Por favor, no sufras. Que non te abrumen os poderosos, líderes e lideresas, e as súas heroicidades: en realidade, os grandes heroes do noso tempo son os que soportan a enfermidade e non perden de vista a esperanza, nunca; os heroes son os que coidan aos enfermos; os heroes, os que están a carón dos necesitados, sempre. Oxalá 2012 escriba estas palabras que eu escribo cada xoves, cada desgarro, para ti. Non sufras, por favor.