A Xunta multiplica a oferta de cursos tecnolóxicos da Rede CeMIT

La Voz

A CORUÑA

Os 98 centros existentes impartirán 3.000 accións formativas que prevén achegarse a 15.000 usuarios ao longo do ano, incrementándose así un 50 % respecto do ano 2011

24 dic 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Está previsto que ao longo do plan haxa arredor de 20.000 horas formativas

O Plan de Formación 2012 da Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica de Galicia (Rede CeMIT) ofrecerá 3.000 cursos gratuítos o vindeiro ano, triplicando a oferta formativa do 2011. Ademais, tamén se prevé incrementar en preto do 50 % o número de usuarios, ata acadar os 15.000 ao longo do ano.

O Plan de Formación 2012 impartirá nas 98 aulas que compoñen a Rede CeMIT un programa dirixido a tres colectivos: a cidadanía en xeral con formación en alfabetización dixital, multimedia e audiovisual, aos profesionais de TIC en colaboración co CNTG e aos empregados públicos a través da EGAP. Ao longo do ano o plan impartirá arredor de 20.000 horas de formación, o dobre ca no 2011. A Xunta destinará no 2012 un orzamento de 2,3 millóns de euros na xestión da Rede e no plan de formación.

O Plan 2012 incorpora novidades enfocadas a mellorar a aprendizaxe e ao aproveitamento da formación. Así, establécense 13 itinerarios formativos con 60 cursos para as distintas áreas en función dos colectivos e as súas necesitades. Os itinerarios formativos abranguen a alfabetización dixital básica, a formación destinada a empresarios e emprendedores, equipamento TIC, redes sociais, imaxe e audio, formación a desempregados, ofimática en software libre, operacións a través de Internet, creación multimedia e web 2.0, administración electrónica, capacitación, especialización e software libre, ocio en Internet e multimedia e ferramentas TIC.

Cando o usuario acceda á Rede realizará unha proba de nivel para que o Axente TIC lle poida recomendar a realización do itinerario máis axustado ás súas necesidades. Así mesmo os cursos rematarán cunha proba de aproveitamento para coñecer o nivel de aprendizaxe do usuario.

Outra das novidades do Plan 2012 é o impulso da teleformación, coa posta en marcha dunha aula de formación virtual que achegará a alfabetización dixital e a formación multimedia e audiovisual a un maior número de usuarios. Por outra banda, e co obxectivo de adaptarse mellor ás necesidades dos usuarios, o plan revisarase con carácter trimestral.

A formación específica para os empregados públicos e os profesionais TIC galegos desenvólvese en colaboración coa Escola Galega de Administración Pública (EGAP) e o Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG ). No 2012 a EGAP ten previstos 24 cursos e máis de 3.400 horas formativas e o CNTG impartirá 38 cursos e preto de 2.000 horas de formación.

Ademais da formación, o catálogo de servizos da Rede CeMIT contempla tamén actividades de divulgación para a sensibilización e o fomento do uso das TIC coa organización de charlas e xornadas con expertos en materia de novas tecnoloxías. Paralelamente, continuarase co servizo de Aula Aberta, que posibilita o acceso libre e de balde dos usuarios á utilización do equipamento co apoio e asesoramento dun axente especializado.