A nova cantante será presentada nos primeiros días de outubro
27 sep 2011 . Actualizado a las 06:00 h.A Sara Vidal quédanlle dous concertos con Luar na Lubre. Son os dous concertos de despedida, o que celebrarán o vindeiro 11 de outubro na Coruña e o seguinte en Madrid.
A vocalista anunciou hai meses ao grupo que quería regresar a Lisboa, onde vive, xa que lle resultaba difícil compaxinar a residencia en Portugal e participar activamente nun grupo con base na Coruña. O cambio vaise facer efectivo o próximo mes, e os dous concertos anunciados van servir de despedida para Sara Vidal no grupo e de presentación da nova vocalista. Un nome que o grupo non quere desvelar ata dous días antes da celebración do concerto coruñés.
Segundo explicou o líder do grupo e gaiteiro, Bieito Romero, a nova voz de Luar na Lubre, «é galega da Coruña, ten experiencia musical, é coñecida, pero non procede do folk».
Romero apunta que é unha mágoa a marcha de Sara: «pero entendemos moi ben os seus motivos». Apunta o gaiteiro que este é «un cambio tranquilo porque mantemos unha fantástica relación con Sara, e aínda esperamos colaborar tanto en concertos como en futuras gravacións».
Sara Vidal é a cuarta das vocalistas que levan pasado por Luar na Lubre nos vinte e cinco anos do grupo. Segundo Bieito Romero, «temos unha media de seis anos e pico por vocalista, non é unha mala media».
A pesar dos contratempos que poden provocar os cambios nas formacións, para o líder da banda de folk sempre supoñen unha oportunidade, «é unha posibilidade de reinventarse, de cambiar, tanto nas vocalistas como no resto dos músicos».