Manuel Sarmiento participou onte no «Encuentro digital» que organiza lavoz.es. Os lectores do periódico dixital lanzaron preguntas que respondeu o candidato do BNG en Oleiros:
-¿Cal son os mínimos para un pacto con Alternativa?
-Non é o momento de falar de pactos que, en todo caso, virán marcados polo apoio que os oleirenses estean dispostos a concedernos. O BNG aposta decididamente por políticas de progreso e de futuro. Outras forzas políticas apostan polo continuísmo, coas mesmas caras e propostas de sempre, hoxe inviables. Polo tanto, os posibles pactos ou acordos virán condicionados pola adopción de políticas de esquerdas que leven a Oleiros a un futuro de progreso.
-¿Que opina de Pablo Cobián e Luis Vázquez como candidatos?
-Como representante da Xunta que é, Cobián só intenta gañar Oleiros como unha peza de caza para o seu xefe Feijoo. Logo iniciaría un proceso de desmantelamento de servizos que afectarían gravemente á calidade de vida dos oleirenses. Representa as ideas rancias da dereita de sempre. En canto ao PSOE, non quero entrar nos problemas internos doutros partidos; si valorar o traballo serio que realizou Covadonga e lamentar non poder contar con ela como concelleira na próxima lexislatura.
-¿Estaría disposto a apostar polo impulso da área metropolitana a través do Consorcio ou doutro ente similar?
-Para o BNG os problemas e solucións da situación actual de Oleiros teñen que pensarse basicamente en escala para a área metropolitana. Cun BNG forte nos concellos da área, os problemas de transporte, promoción económica, turismo, etcétera, terán unha solución.
-¿Sería unha boa solución para os problemas de tráfico unha nova ponte sobre a ría?
-O impacto ambiental e visual, e o enorme investimento que suporía, fanno inviable e innecesario. A solución só virá dada pola aposta no transporte público. Unha posible ampliación das vías de comunicación tería que ir ligada a esta idea, incluso con viais de uso exclusivo para o transporte público.
-¿Que opina dos continuos enfrontamentos de Gelo coa Xunta?
-García Seoane ten tendencia a utilizar os enfrontamentos e liortas con outras administracións para encubrir as súas propias carencias. En cambio, a Xunta ten que asumir as súas obrigas na prestación de servizos en Oleiros.
-Gelo insultó el otro día a Fina Quintáns diciendo que estaba «ausente», ¿qué tiene que decir a eso?
-A descualificación e o insulto son unha constante na política do alcalde, sobre todo cando non ten argumentos para atacar aos seus contrincantes. Fina estivo moi presente no Concello cunha política próxima á xente. Se cadra iso moleste a algúns.
-Fai anos tiñamos lanchas a Perillo, Santa Cruz, Mera e Sada. ¿Por qué agora non?
-A comunicación por mar, tanto de Oleiros como de Sada, pode axudar a solucionar os problemas de mobilidade. Se cadra non como unha solución permanente ao longo do ano, pero que axudaría a desconxestionar as vías terrestres. É unha opción complementaria que o BNG contempla.
-¿Cales son as súas propostas para a zona norte do concello?
-É unha das áreas con menos servizos, xunto con Nós en Iñás. O BNG proponse garantir o dereito aos servizos básicos en igualdade para todos. A vía Ártabra se se utiliza para liñas de transporte público facilitará a súa comunicación xunto co incremento de frecuencias.
encuentro digital manuel sarmiento, candidato do BNG á alcaldía de oleiros