Xerardo Couto Lorenzo, licenciado en Filoloxía inglesa pola Universidade da Coruña, remataba arredor das dez da noite de onte a súa xornada de traballo como actor de dobraxe. Por iso sabe moi ben do que está falando cando escribiu o libro Arredor da dobraxe: Algunhas cuestións básicas (Deputación da Coruña), un volume que forma parte da colección Manuais Casahamlet e que se presentará hoxe, ás oito da tarde, no local social de Casahamlet (rúa Alfonso VII, número 11).
-É pouco habitual un libro sobre a dobraxe, ¿non?
-En Galicia si, este é un dos primeiros que se fai dedicado integramente ao proceso; os que hai, dous publicados, un con ensaios da dobraxe e outro sobre o subtitulado.
-¿Por que recibe tantos ataques a dobraxe?
-A dobraxe é un tipo de tradución audiovisual, porque o orixinal non se pode comparar con nada. En Europa hai dobraxe, hai subtitulado e hai os voice over, as voces superpostas. Falar da dobraxe aquí e case unha herexía, cando é algo que se fai na maioría dos países de Europa. En Portugal, da que se fala tanto, subtitulan e en Brasil dobran.
-Os dobradores galegos teñen sona de facelo ben.
-O que é a tradución audiovisual supera con moitísimo á literaria. Se pensamos na cantidade de horas entre unha e outra a diferenza é astronómica.
-¿É un libro moi técnico?
-Ten cousas sobre a técnica da dobraxe, porque non hai case nada, pero unha cousa que me gusta é que a xente que o leu di que é doado de ler, que se entende moi ben.