Aínda que non precisa os porqués, di que segue a ter «grandes controversias con Losada» e afirma que non lle preocupa se será ou non o candidato do Bloque no 2011
29 may 2009 . Actualizado a las 15:38 h.Recoñece que a percepción que ten destes dous anos de goberno «pode non ser a que teñan outras persoas», pero invita á xente «a facer un exercicio de memoria». «Pasaron -di Henrique Tello (Corcubión, 1951)- cousas impensables, en rehabilitación urbana, en emprego, en igualdade, a rebaixa do bonobús, o carril bus e a cultura democrática do Concello. Mire, en dous anos non houbo ningún escándalo...».
-Segundo vostede, as cousas foron máis que ben.
-Contra prognóstico e contra os que querían que fose un fracaso, o goberno municipal deu un exemplo do que pode ser un goberno, con orzamentos equilibrados onde nada renxe. E xa non hai obras faraónicas, senón pequenas e beneficiosas para a cidade.
-Entón, non periga o pacto.
-Contundente e rotundamente, non.
-Pero hai cousas que seguen, como o tranvía histórico, o ascensor de San Pedro...
-O que non me gustaba é que foran prioridades.
-¿E que foi da súa teima cos problemas de tráfico?
-Segue sendo a mesma.
-Quizais é que os logros non se transmiten ben, porque hai xente que...
-E que é normal, porque a xente quere cousas inmediatas. O que está en paro quere ter traballo xa. A Coruña necesitaba unha revisión das cousas cotiás, e nisto coincido co PSOE.
-Ou sexa, que lle debe ao plan FEIL de Zapatero...
-Foi importante. Estes primeiros anos son os da planificación e execución urxente, e os dous que quedan, o do importante.
-¿E que é o importante?
-Pois nos próximos días imos presentar un plan estratéxico de turismo e a Rede Coruña Emprega. E temos o PXOM, coa redución de densidades edificatorias, os corredores verdes, a intermodal tamén en San Diego...
-¿Qué pasa con Alvedro? Vostede anunciou boas novas e non chegaron.
-Se lle parece pouca boa nova o mantemento dos destinos... Despois da crise, A Coruña mantense moi ben, en grande medida grazas ao gran esforzo económico que facemos coas compañías aéreas. Pero estamos moi preocupados pola actitude do goberno galego. Tiñamos un compromiso de medio millón de euros para o 2009. Teño solicitada unha entrevista co conselleiro, que aínda non contestou, e é preocupante porque as axudas do 2008 aínda non están materializadas.
-¿Por que modificou vostede a súa posición sobre a ampliación da pista?
-Nunca mudei. Falei de garantías ambientais. Neste momento hai aberto un prazo de alegacións e espero que se resolva o antes posible para que Alvedro teña pronto a máxima operatividade.
-¿Será Tello o próximo candidato do BNG?
-Tello non ten iso como preocupación. Preocúpame o desemprego e a calidade de vida dos veciños. Pódolle dicir que teño un contrato de catro anos.
-Pero anda un pouco tapado.
-Eu opino o contrario. Ás veces teño a sensación de estar sobreexposto aos medios.