«Un libro ten vida independente, é coma un pequeno artefacto»

ángel palmou CARBALLO / LA VOZ

LALÍN

Xa está nas librerías «Balea2», o último poemario do autor ceense, no que mestura as olladas de nenos e anciáns

14 dic 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Xogos de palabras, adiviñas, imaxes e versos danse a man no novo poemario de Estevo Creus (Cee, 1975). Balea2 é o singular título desta obra, froito dunha experiencia moi orixinal e xoguetona xa desde o seu inicio. «Pode ser ?balea dous? porque é a segunda vez que tomo este animal como punto de partida ou pode ser ?bale a dous?, aínda que non sexa con v, porque ten dúas partes ben diferenciadas», sinala o autor deste libro que pretende ser para todos: «Poemas de adultos para nenos e poemas de nenos para adultos coa intención de que a lectura sexa conxunta, as explicacións e entendementos recíprocos, e de que as risas, se as houber, foran compartidas».

-¿Como xurde este poemario?

-Nace dunha experiencia nun asilo de Lalín de anciáns de alta dependencia onde traballaba o meu amigo Celso Fernández Sanmartín. El acostumaba a facer actividades con maiores e con nenos e xa traballaran con algúns dos meus Poemas da cidade oculta. A raíz diso enviáronme algúns debuxos e convidáronme a visitalos a cambio de que fixera algo despois.

-¿Supón unha responsabilidade engadida traducir a poesía ás experiencias deses nenos e anciáns?

-Isto ocorreu hai tres ou catro anos e foi unha cousa máis de xogar que de responsabilidades; de traballar e de participar en algo en común.

-¿Foi moi complicado combinar o traballo con persoas de idades tan diferentes?

-Eu non pensaba en nenos e adultos, senón nun libro que recollese ese traballo, con poemas nunha linguaxe moi sinxela e con toque humorístico que recollese os debuxos dos nenos, pero tamén pensando que o teñen que gozar os adultos aínda que os pequenos non entendesen algunhas cousas. Pero os libros teñen unha vida independente, son coma pequenos artefactos.

-¿Repetiría a experiencia?

-Un autor vai cambiando e vai buscando, isto non é unha cousa casual. A poesía busca camiños e un deses camiños pode ser o xogo, o humor, a ironía. Os meus libros anteriores eran máis ben serios, que non é o mesmo que profundos, pero interésame tamén o humor e a sorna como forma de coñecemento.

-Este «Balea2» xa inspirou incluso un espectáculo de danza.

-Así é. Xa antes de saír o libro leuno algunha xente. A compañía Traspediante fixouse nel e pareceulle interesante traballalo na danza. Os debuxos, as bailarinas e os textos dalgúns poemas interactúan no escenario. É un espectáculo propio e diferente, pero para min foi un orgullo e unha ledicia.

estevo creus escritor