«Centrareime nos recordos da miña infancia en Muxía»

SANTIAGO CIUDAD

Este profesor de farmacia inaugurará hoxe, ás 21.00 horas, a romaría máis popular de Galicia

11 sep 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Leva xa máis de 25 anos como profesor do departamento de Física Química na Facultade de Farmacia de Santiago de Compostela. Hoxe mesmo, pola mañá, chegará a Muxía. Arturo Suárez Varela (54 anos) é o pregoeiro desta nova edición da romaría da Virxe da Barca de Muxía. A súa quenda para o seu discurso chegará ás 21.00 horas no Cabo da Vila, un momento que, recoñece, impón algo, sobre todo por estar «diante do teu pobo». El mesmo explica a súa relación con Muxía. -A estas alturas, o pregón xa debe estar rematado. -Si, preparado, teño un guión xa feito. Pasarei un pouco do que soe ser máis socorrido, como os mitos das pedras e todo iso, e centrareime nos recordos da miña infancia en Muxía. Nas experiencias que vivín nese entorno. -As súas raíces saen desa localidade. -A miña nai era de Muxía, así que eu, todos os veráns pasaba as vacacións aí. Estudaba nun colexio interno, polo que teño moi presente esa liberdade do verán, e máis tendo en conta o longas das vacacións. Dende logo, eu considérome de Muxía, aínda que por azares do destino, nacera na Coruña. -Polo tanto, ser pregoeiro da romaría máis grande que ten a vila ten que ser do máis especial. -Imaxina, e máis tendo en conta que que eu, hai 20 anos, estaba na comisión de festas e, precisamente, tocoume presentar ao primeiro pregoeiro. Agora, dúas décadas despois, sono eu. Como cambian as cousas, toda unha casualidade. -¿É a súa primeira vez en actividades deste tipo? -Pois, dando un pregón, si, aínda que teña experiencia falando diante do público. Tamén me estreei non hai moito como contacontos nesa mesma vila. Este foi un ano axitado. -Esa experiencia limitará, entón, os nervios que poida sentir. -Pois si, aínda que estar diante do teu pobo sempre é diferente e, dalgún xeito, impón. Espero que a xente lle guste, pero claro que se pensa se será do agrado de todos ou non. Como te coñecen de toda a vida, un dirache que «puideches dicir aquilo», outro que «puideches dicir o outro», pero nunha cousa deste tipo hai que recortar. Se puidera falar de todo, igual tería pregón para unha ou dúas horas. -¿Haberá algo de farmacia na súa intervención? -Pois penso que non, mencionarei puntualmente que son farmacéutico, como xa todos máis ou menos saben [a súa muller tamén o é], pero non falarei diso en Muxía. Aí teño que falar doutras cousas. -Nótaselle apego á vila. -Moito, ao teu pobo sempre é ao que máis lle queres, o que a todos lle dis que é o máis bonito. Todos maldecimos o vento aquí, pero logo non hai un que non queira volver. Eu vou sempre que podo, sábados e domingos e, xeralmente, paso tamén aí sempre a romaría.