Urbanismo: cambio de plans

Henrique F. Coto

BARBANZA

13 nov 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Aprobar un plan xeral en Galicia é un labor que pode durar varios mandatos, e ata facer caer un goberno municipal. A lexislación urbanística galega ven herdando estruturas de leis estatais ou autonómicas, sendo que a realidade galega é ben distinta.

A figura de plan xeral nace en 1956 coa primeira lei do solo, elaborada en un contexto social e demográfico ben distinto do actual, e foi creado para ordenar o aluvión migratorio do rural á cidade.

Alén dos cambios dos últimos 50 anos, a estrutura territorial de calquera municipio galego é inmensamente máis complexa que a de calquera outro do Estado, xa que temos un catálogo de asentamentos territoriais: núcleos rurais tradicionais, novos asentamentos e demais variedades que converten a planificación nun labor misterioso e case imposible.

Hai que facer unha fonda reflexión sobre cómo se pode regular o solo galego e lexislar sen copiar leis foráneas. Cómpre reflexionar sobre a figura do plan xeral municipal e cambialo por unha planificación máis áxil e realista, como xa se fai en outros países da Unión Europea.

Podería ser adecuado redactar un plan director municipal e complementalo con plans zonais; o primeiro indicaría as liñas xerais do territorio consonte con directrices comarcais, e os segundos serían os motores de planificación das parroquias e núcleos rurais. É moito máis doado planificar parcialmente, poñendo de acordo a menos veciños que se se trata de todo o concello.

É preciso tamén que cambiemos a concepción do urbanismo e ir esquecendo os conceptos do dereito romano en prol de unha planificación colectiva que beneficie á colectividade por riba dos intereses particulares; o público debe prevalecer sobre o interese particular de cada quén sobre o seu terreo.

Baixo a tutela de un plan director que marque as directrices estratéxicas xerais, os sistemas xerais e a protección do territorio, a ordenación de cada núcleo ou parroquia poderíase afrontar en moito menos tempo porque xa a toma de decisións só afecta a unha pequena colectividade e os núcleos poden ser tratados con pequenos plans especiais.

Por outra banda, a tormenta lexislativa que vimos sufrindo nos últimos anos, na que Xunta de Galicia e o Estado compiten constantemente, ten que amainar: non é sostible a aprobación de doce leis en nove anos se se pretende tramitar un plan xeral.

É preciso un pacto polo territorio, as sucesivas leis que se aproban só entorpecen a tramitación dos plans municipais, facilitando a utilización de modo partidario, paralizando aprobacións de planeamentos na maioría dos concellos.

É necesaria a modificación da lexislación para facer unha planificación urbanística na que se substitúan as liñas polas ideas con unha forte participación cidadá que decida o futuro do noso territorio.