«O problema dos alimañeiros en Barbanza é ancestral»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

08 nov 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Hai un lustro, un grupo de estudantes de Telecomunicacións e Bioloxía da Universidade de Vigo xuntáronse con varios ecoloxistas da zona de Barbanza para fundar Axena, unha asociación de defensa da natureza. Naquel colectivo de apaixonados do medio ambiente estaba o pobrense Xurxo Gago, que hoxe en día segue a loitar para poñerlle freo a aquelas actitudes que prexudican a gran biodiversidade que ten o territorio galego.

-¿Por que esta fusión de profesionais das telecomunicacións e da bioloxía en Axena?

-Habitualmente asóciase a tecnoloxía coa destrución da natureza e nós pensamos que mesturando as capacidades dos dous colectivos pódese incidir na preservación do medio ambiente. Axena nace co obxectivo de xerar contidos, tanto audiovisuais como en Internet, que lle resulten de interese ao público.

-A defensa da natureza é un obxectivo moi amplo, ¿pretenden abarcalo todo?

-Si, a nosa intención é a defensa do medio ambiente a nivel xeral, pois non fai falla ir a Siberia para atopar unha natureza salvaxe sorprendente, nós témola ao lado. Lobos, congros, falcóns peregrinos... en Barbanza temos unha gran diversidade, estamos nun dos ecosistemas mariños máis ricos do mundo, que non é outro que a ría de Arousa.

-Desde a posta en marcha do colectivo ata a actualidade, ¿que grandes proxectos levou a cabo Axena?

-Levamos a cabo distintas actuacións, unha das máis destacadas foi a exploración das minas de wolfram de Barbanza, para amosarlle á xente que moitos buracos serven de refuxio de animais, tanto de anfibios como de morcegos. Tamén traballamos moito coas aves rapaces. Ocorréusenos que un xeito de trasladarlle á opinión pública a importancia que teñen é podendo voar con elas, así que gravamos un documental instalando microcámaras en varios falcóns peregrinos. Agora estamos preparando un portal web coa segunda parte deste traballo, que inclúe tamén un espazo sobre o problema dos alimañeiros e do espolio de niños.

-¿Como chega este problema ao colectivo Axena?

-Nós detectámolo porque estamos todo o día no monte. Cando chega a época de cría, facemos un seguimento especial e hai xa varios anos que nos atopamos co espolio dos niños. Eu creo que o problema dos alimañeiros en Barbanza é ancestral.

-¿Como se lle pode poñer freo?

-En algúns países europeos, o que se fai é divulgar o problema o máximo posible para que a xente se involucre. Iso é o que imos facer aquí. Pretendemos incluso organizar rutas de sendeirismo que serven tamén como sistema de vixilancia. De cara ao Nadal tamén queremos actuar eliminando os puntóns de ferro que os alimañeiros teñen instalados nalgunhas árbores e que empregan como escaleiras.

-A charla que Axena ofreceu o pasado fin de semana no Ateneo Valle-Incán pretendía ser o punto de partida de máis accións, ¿será así?

-O que conseguimos foi poñer en contacto a diversos colectivos, pois alí había axentes do Seprona, ornitólogos, criadores e xente da rúa. Do que se trata é de, a partir de agora, traballar en conxunto. Nós pretendemos tamén facer algunha intervención nos colexios.

«Queremos eliminar os puntóns que os alimañeiros teñen nas árbores»

«Non fai falla ir a Siberia para atopar unha natureza salvaxe sorprendente»