Soster o sistema é responsabilidade de todos

Luis González

BARBANZA

29 oct 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Éun feito sabido que a área de consultas externas é a que move a un maior número de persoas. No 2010, preto de 110.000 pacientes estaban citados nas distintas consultas no hospital de Barbanza. No mesmo período, contabilizáronse un total de 9.808 fallos ás citas, o que supón que case un de cada dez pacientes non acudiron.

¿Quen mellor que os propios usuarios para saber o que supón esperar por unha cita? Ningunha demora excesiva é desexable en calquera ámbito, e menos no sanitario. É un deber de todos a procura de que esta espera sexa a menor posible. Os xestores, dentro da responsabilidade que temos, debemos poñer os medios ao noso alcance para tentar lograr a máxima eficiencia á hora de gastar os cartos públicos. Temos que establecer prioridades para poder dar resposta ás demandas dos cidadáns. A diminución das ausencias ás consultas é un obxectivo que se repite nos distintos centros do Sergas.

É función do hospital poñer os medios para que as consultas sexan o máis estables posible para evitar as recitacións, que poden sementar a confusión nos pacientes ata o punto de que teñan dubidas da data real da súa consulta. ¿Como poden colaborar os usuarios? A ausencia a unha consulta pode estar influenciada por moitas variables, algunhas delas alleas a vontade dos pacientes. Aínda que hai seguramente algunhas outras que se poden prever. E é nestes casos nos que hai que pedir colaboración. Se se avisa con certa marxe de tempo, a consulta á que non vai poder acudir poderá ser utilizada por outro paciente. É responsabilidade de todos colaborar coa sostenibilidade do sistema. O aviso de que non se vai acudir á consulta sumado a moitos outros avisos pode beneficiar directamente a un gran numero de pacientes. Non hai praia que non estea feita de moitos graos de area.