«Volvín subir ao tren do teatro, e espero quedarme un tempo»

raquel iglesias RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

A artista rianxeira ten un papel protagonista en «Ata que a morte nos separe», que percorrerá escenarios da bisbarra

25 oct 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Nunca é tarde para volver a subir ás táboas dun escenario. Polo menos así o entenden os artistas como Graciela Muñiz, actriz da compañía Airiños que despois de case dúas décadas sen facer teatro, regresa cun novo papel protagonista na obra Ata que a morte nos separe, unha adaptación de Cuatro corazones con freno y marcha atrás, de Jardiel Poncela. Esta rianxeira leva o arte nas venas, e que tal e como ela mesma afirma: «A tradición teatral na parroquia de Asados é tal que pódese dicir que en cada casa hai un comediante».

-¿Cal foi o detonante para que tomara a decisión de volver aos escenarios?

-Deixiei este mundo cando me quedei embarazada e tardei dezanove anos en regresar. Foi polo 75 aniversario do nacemento de Airiños cando volvín a interpretar o papel de Pimpinela na obra Os vellos non deben de namorarse, que me encanta. Agora o meu fillo pequeno, que ten nove anos, parece seguir os meus pasos e tamén fai teatro.

-Pódese dicir que o seu é vocación....

-A verdade é que só tiña quince anos cando interpretei o meu primeiro papel cun grupo de amigos apaixonados deste arte. Aínda que despois comecei a traballar nunha paquetería, para min subir ao escenario é un desafogo, unha forma de saír da rutina. Despois dun tempo apartada, volvín subir ao tren do teatro, e espero quedarme un tempo.

-¿Que é o que fai falla para saber interpretar?

-Sobre todo, poñerlle gañas. Eu nin sequera sei se o fago ben o mal, só que traballo moito para facelo o mellor posible. Coa nosa directora, Esther Carrodeguas, afondamos moito nos personaxes e poñemos en común as nosas impresións sobre as interpretacións.

-¿Que obra lle gustaría volver a poñer en escena?

-O que me boten, dáme igual, aínda que neste momento apetéceme innovar, atreverme a facer cousas novas.

graciela muñiz actriz da compañía airiños