«Quería eliminar o estigma sobre a enfermidade mental»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

12 oct 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Empezou hai un ano a colaborar coa Creba e Adriana Pérez Villanueva asegura que agora mesmo está enganchada á asociación. Esta noiesa licenza en Audiovisuais foi a encargada de dirixir Ramón e Xulia, unha curta realizada por usuarios dos obradoiros da entidade que o pasado fin de semana se estreou en Ribeira co fin de demostrar que as persoas que sofren unha enfermidade mental son capaces de traballar neste e en outros moitos eidos.

-¿Como comezou a súa relación coa Creba?

-Eu coñecía a asociación e, ao rematar os estudos, dirixinme a ela ofrecéndolle impartir un obradoiro de animación en plastilina. Esta iniciativa non puido levar a cabo por falla de financiamento, pero propuxéronme participar na curta.

-¿En que fase se atopaba naqueles intres o proxecto?

-O produtor, Manuel Torres, colabora desde hai tempo coa asociación e cada ano leva a cabo un obradoiro. Promoveu un de inglés, que derivou nun de teatro e no marco deste, xurdiu a curta. Cando eu cheguei xa levaban un ano traballando na adaptación de Romeo e Xulieta.

-¿Cal foi entón a súa misión?

-Eles tiñan a idea e estaban elaborando o guión, pero o seu problema era plasmalo en imaxes. Esta foi a parte da que me encarguei eu. Logo empezamos a gravar e tivemos incluso que recorrer a chuletas pola dificultade de algúns actores á hora de memorizar. Despois, eu levei a cabo a montaxe.

-¿Cal foi a parte máis complicada?

-O único, que estás afeito a facer as cousas a unha determinada velocidade e aquí todo vai máis lento, porque non se pode esixir o mesmo nivel de concentración e hai que escoitar e ter paciencia.

-¿Levouse algunha sorpresa neste proceso?

-A verdade é que non, pois non levaba unha idea preconcibida. Si destacaría a sinceridade destas persoas e o nivel de confianza que acadamos. Poida que tamén fose porque, de xeito paralelo á realización da curta, traballamos na elaboración dun documental, gravando trinta entrevistas con enfermos, familiares e traballadores da Creba.

-Despois da estrea en Ribeira, ¿pode falarse de obxectivo cumprido?

-Si, sobre todo polos beneficios que tivo para a autoestima dos participantes, que xa están desexando repetir experiencia. Logo, tamén polos comentarios que se fixeron despois da proxección, pois houbo quen dixo que, se tivera prexuízos cara os enfermos mentais, a partir dese intre deixaría de telos.

-¿Cal era a súa meta cando se embarcou nesta aventura?

-Quería eliminar o estigma sobre a enfermidade mental. As poucas veces que este colectivo sae nos medios de comunicación é por cuestións negativas e pretendíamos ofrecer unha visión disinta destas persoas.

-E agora, ¿cales son os vindeiros proxectos?

-Por unha banda, queremos que esta curta se proxecte no maior número de festivais posible. O obxectivo é difundilo. Logo tamén seguiremos traballando na elaboración do documental e dunha unidade didáctica. Cremos que a temática das enfermidades mentais debería tratarse nos centros educativos.

-¿Gustaríalle entón seguir ligada á Creba?

-A verdade é que si, porque engancha moito. De feito eu estou nunha especie de encrucillada, porque teño que procurar un traballo remunerado, pero non quero deixar isto.