«Os que cortan unha árbore deberían plantar dez ou cen»

Paula Souto RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

O artista boirense está desenvolvendo dúas técnicas novas nas que emprega cristal e lixo nas súas figuras

14 sep 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

O municipio de Boiro é como unha galería de arte na que se expoñen, permanentemente, as obras de Tucho Abalo. Tanto na rúa como nos establecementos hostaleiros pódese observar e gozar das súas esculturas. Ademais de utilizar métodos tradicionais nos seus traballos, o artista está a desenvolver dúas técnicas innovadoras: a vedroresina e o lixarte. Por outra banda, é membro da Banda das Crechas e do grupo The Lakazans e, tamén, lle gusta pintar «para min e para os meus familiares. Non o expoño publicamente».

-¿Como comezou a traballar no mundo da escultura?

-Meu pai é ebanista e sempre lle axudaba no taller. Cos anos comentáronme que na escola de arte e superior de deseño Mestre Mateo de Compostela impartían un ciclo sobre escultura e apunteime. Ao rematar o curso montei a exposición máis grande dun só autor que fixo un alumno na escola. Tamén, vivín dous anos en Italia onde impartía un curso alternativo nunha universidade.

-¿Dedícase exclusivamente a isto?

-Intento vivir disto e integrarme no mundo do arte aquí, en Galicia, facendo obras para particulares ou para o concello. O máis difícil foron os catro primeiros anos cando decides emprender unha actividade económica e tes que asentala. Ademais, o compatibilizo cun curso de escultura que dou no Centro Social Aturuxo

-¿Considera que a súa profesión é complicada?

-A min gústame, non sei se é difícil ou non. Non me imaxino facendo outra cousa. Cando non teña traballo aquí fago as maletas e marcho, xa estiven dous anos impartindo un curso en Italia. O que quero é deixar o maior número de obras posibles para que na miña ausencia traballen por min.

-¿En que consisten as dúas técnicas que está desenvolvendo?

-Na vedrorresina traballo con cristais, e no lixarte, con lixo. O que se busca é transformar estes materiais en expresión e que semelle ser pedra. A finalidade é construír escultura para facer evidente o evitable. O evidente é o lixo que nos rodea, o legado que estamos deixando aos que veñen detrás

-¿Que transmite a súa arte?

-Eu pretendo mostrar o que nos pasa, denunciar o que é evidente pero non salta á voz de todos. Fago críticas da fame inxusta, da opresión sobre a música tradicional, o Estado, o consumismo en exceso, o vicio e a relixión. Un pouco de todo, pero tamén fago homenaxes a figuras representativas. A muller está presente como unha liña que se profundiza no infinito. Ser é transmitir. Todo ser transmite neste planeta. O arte é vida

-¿A quen van dirixidas as súas esculturas?

-Eu pretendo que chegue ao maior número de persoas posibles sen que os cartos sexa o inconveniente. Se me dan un presuposto eu fágolle unha obra. Gustaríame que a xente regalase esculturas como quen regala libros, un perfume ou un ramo de flores. Estaríanse levando algo único.

-¿Cara onde evolucionan os seus traballos?

-Fundamentalmente derivan en transformar o lixo en expresión. Eu o que non penso é en cortar un carballo para facer unha escultura de madeira. Os que cortan unha árbore deberían plantar dez ou cen para compensar, e os que traballan sobre pedra téñeno un pouco máis complicado.

-¿Que sente cando ve a alguén observando algunha das súas esculturas?

-Sinto curiosidade polo que están pensando e observo os xestos e posturas que adoptan. Gústame interactuar coa xente e que me digan o que lles gusta, pero sobre todo o que non. Saber o que non toleran dos meus traballos e o que satisfai ao público, os seus puntos de vista pódenche ensinar distintas cousas que un mesmo non é capaz de ver.

-¿Como se prevé o futuro?

-Teño unha escultura colectiva pendente que nos encargaron para Sigüeiro e algún traballo individual para a nosa terra. Ademais pretendo presentarlle aos diferentes concellos de Galicia os borralleiros que fixen para varios establecementos de Boiro que forman parte do mobiliario urbano e, deste xeito, implantalos noutros lugares.

Tucho abalo otero Escultor